As pegadas de Santiago na Costa da Morte

carballo / la voz

CARBALLO

04 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Son moitas as igrexas e santuarios da Costa da Morte nas que, dun ou doutro xeito, aparece a imaxe de Santiago Apóstolo. Pero poucas veces se ten falado de todas no seu conxunto. Ese oco acábao de cubrir o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, coa elaboración dun documental que se titula, de maneira absolutamente descritiva, As imaxes de Santiago nas igrexas e santuarios da Costa da Morte. Hoxe é unha boa oportunidade para mergullarse nestas augas históricas, xa que se presenta o traballo en Muxía, na Casa das Beiras (sede da Fundación López Abente) a partir das 20.00 horas, en colaboración co Concello.

Neste traballo audiovisual de 16 minutos de duración aparece un peregrino que chega a estas terras tras visitar a catedral. Coa imaxe do Apóstolo na súa mente, parte en busca de outras semellantes. E van aparecendo, se ben en iconografías tradicionais e tamén moi curiosas. E así chegará ata a de Muxía, onde Santiago aparece axeonllado ao pé da barca na que chega a Virxe (similar á do Pilar de Zaragoza). Ou a de Cereixo (Vimianzo), na que se representa o traslado do seu corpo dende Palestina. E tamén o peregrino da porta santa de Fisterra, os sedentes de Coucieiro e Ameixenda, os cabaleiros de Traba e do Briño, e outros máis.

O guión é de Manuel Vilar Álvarez e de Xosé María Lema Suárez, responsable este da dirección do traballo. Vilar, á súa vez, representa ao peregrino que vai descubrindo as iconografías do Apóstolo. As fotos son de Xosé María Lema e de Eva López Añón, unha boa coñecedora da arquitectura relixiosa do arciprestado de Nemancos, como Lema o é do de Soneira, polas súas investigacións. No mesmo acto desta tarde tamén se proxectará outro dos recentes traballos do Seminario, o deuvedé Os faros da costa da Morte.