Recoñecemento a quen lle deu moita sona a Camariñas

manuel vilar álvarez MUXÍA

CARBALLO

O Concello homenaxea a Estrella de Cándido, célebre sanadora xa falecida que axudaba a quen o precisaba

10 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Leo neste xornal que o Concello de Camariñas vai dedicar unha rúa a unha compoñedora, a Estrella de Cándido, coñecida fóra da súa localidade como a compoñedora de Buría. Moita xente da Costa da Morte, e tamén de fóra, puxeron Buría e Camariñas no mapa grazas á sona desta muller.

Todas as culturas tiveron sempre unha preocupación pola saúde, buscando técnicas e procedementos para enfrontarse ao mal, pois este era unha alteración na vida da persoa afectada, pero tamén unha alteración social, pois vémolo aínda agora que cando alguén entra no Hospital os veciños peregrinan a velo. Agora todos entendemos que a asistencia médica é un dereito fundamental e que todos os cidadáns temos que acceder a unha sanidade cualificada.

Pero non sempre foi así pois a medicalización do rural non se deu aquí dun modo real até ben entrada a segunda metade do século pasado. A presenza dos médicos era moi limitada e moitos aínda lembrámolos consultando en determinadas localidades só o día da feira ou desprazándose a cabalo paran asistir aos seus pacientes. Entón non sempre se podía botar man dos recursos dos servizos sanitarios, servizos que agora fornece a Seguridade Social, e había que acudir a outras alternativas terapéuticas que proporcionaban o sistema cultural dentro da dimensión local. Agora a crise pode levarnos de novo cara a eses tempos idos e teñamos que reivindicar de novo eses dereitos básicos.

Falamos da medicina popular, termo relativamente recente, quizais non máis aló de finais do século XIX, pois antes, e tamén despois, esas prácticas locais eran consideradas supersticións, concepto este procedente do relixioso. As doenzas podían ser producidas por motivos sobrenaturais ou por causas naturais, como unha caída que podía fracturar un óso. No primeiro caso o mal era entendido como un desequilibrio e había que harmonizar as forzas.

Algúns destes males non eran dos médicos, agora si son porque a psiquiatría vén substituír aos curandeiros, curandeiras e sabias. Se se luxaba un óso entón acudíase a unha compoñedora ou compoñedor. Un compoñedor é un veciño máis, pero cunhas certas habilidades manuais, e segundo teño escoitado Estrella de Cándido tíñaas, que valían para volver ao seu sitio aos ósos luxados. Estas habilidades e saberes eran aprendidas no contexto familiar, Estrella seica aprendeu de seu pai.

Os compoñedores podían ter uns recursos escasos, pero sólidos. Formaban parte dun sistema social e de crenzas no que o seu traballo tiña sentido e no que o enfermo tiña confianza, o que axudaba á curación.

Que lle dediquen unha rúa na súa vila é recoñecer ese labor silandeiro, como é recoñecer outro xeito de vida e que nos axudou a chegar até onde hoxe estamos.

Quizais habería que seguir dando pasos para que a medicina científica e biolóxica escoitara a este outro xeito de entender a doenza, recoñecer os seus valores positivos e aplicalos. A iniciativa do Concello de Camariñas é tamén un recoñecemento a formas culturais propias, a algo creado desde a nosa forma de ser para dar respostas culturais, neste caso diante do mal.