Encomiable e meritoria acción

Modesto Fraga Moure

CARBALLO

En tempos de dificultade, cando o presente esixe de nós o que cumpriría afrontar no futuro, a situación de crise económica acaba por se converter na principal preocupación da inmensa maioría dos cidadáns.

Non é por ser tremendista, nin sequera por calmar a insatisfacción que produce saber que nun estado democrático os homes e mulleres que padecemos nas nosas carnes a verdadeira dimensión da crise non teñamos o máis mínimo dereito de esixir a debida responsabilidade aos únicos culpables desta situación; chámense banqueiros, industriais, especuladores e demais promotores de novo cuño capitalista, malditos e insaciables avaros.

Á gravísima situación de incerteza económica, política e social únese agora a falta de credibilidade nun sistema claramente esgotado, sospeitoso, en estado de shock. Por iso cómpre estar ben alerta a fin de evitar caer na tentación de comungar con rodas de muíño e permitir que catro desalmados continúen pechándonos os ollos con cantos de serea, ou o que é o mesmo, consentir que nos pechen a billa dos dereitos sociais conquistados despois de moito esforzo e non poucas penalidades. Que ninguén pense agora que os recortes impulsados polos respectivos gobernos (UE, Estado español, Xunta de Galicia) a instancias de organismos internacionais como o FMI ou o BCE se deben a unha serie de medidas necesarias para podermos afrontar con garantías o futuro.

Que ninguén pense que as políticas regresivas levadas a cabo en materia de pensións (aumento da idade de xubilación), educación (recorte dos presupostos asignados á comunidade educativa pública en detrimento da privada, diminución de becas, etcétera) ou prestación social (nulidade das axudas aos parados de longa duración, cheque bebé...) son imprescindibles para lograr reducir o déficit público e garantir os servizos elementais.

É evidente que os cidadáns do século XXI estamos asistindo aos últimos coletazos dun modelo baseado na desigualdade social e no rápido enriquecemento e iso conleva, ademais de graves consecuencias no que toca ao benestar social, unha quebra dos valores democráticos e dos dereitos comúns acadados con grande esforzo. No que atinxe á perda de valores éticos e humanos, aí entrariamos xa na maior das traxedias, aquela que debería facernos reflexionar seriamente e reaccionar o máis axiña posible.

Todo isto vén a conto da fermosa iniciativa impulsada estes días pola ANPA do IES Fin do Camiño de Fisterra de poñer en marcha unha campaña solidaria. Accións deste calado son as que se necesitan para soñar unha sociedade máis xusta e preocupada polos problemas que a todos nos afectan de xeito decisivo. A sociedade ao servizo das necesidades humanas e non a humanidade ao servizo do capital.

Nin que dicir ten que con actos así os fisterráns, ao contrario do que algúns pensan, demostramos unha vez máis a nosa sensibilidade e compromiso coa difícil situación que nos últimos tempos están a sufrir numerosas persoas, algunhas delas en grave desamparo e sen apenas recursos para subsistiren. A posta en marcha deste concurso solidario non pode ser máis oportuna, necesaria e xusta. Non hai maior satisfacción que facer feliz a alguén. Dínolo a experiencia, a historia, o corazón.

E o feito de que sexan os rapaces do noso municipio quen desenvolvan esta acción solidaria supón, amais dun xesto de inmensa xenerosidade, un síntoma claro e inequívoco de que podemos confiar no futuro. Como fisterrán síntome orgulloso de todos vós, do voso magnífico exemplo, da vosa impagable acción a prol das persoas máis necesitadas.

Ese é o camiño a seguir. Noraboa.