A encargada da área de Deportes de A Laracha xa ten todos os medios preparados para o Día da Bicicleta
03 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Patricia Bello Canedo é a concelleira de Cultura e Deporte do Concello de A Laracha. Este domingo participará nunha nova edición do Día da Bicicleta que se celebra desde hai máis de vinte anos na localidade e que organiza La Voz de Galicia e Radio Voz co patrocinio do Concello de A Laracha e a colaboración de Protección Civil, a Policía Local e a Garda Civil. Patricia leva tres anos no cargo organizando unha actividade que valora moi positivamente para todos os veciños do concello.
-¿Cal vai a ser o itinerario?
-A saída será ás 11.15 da Praza do Concello, nesta primeira parte iremos ata Paiosaco, despois faremos unha parada no Monte da Estrela para descansar e, finalmente, chegaremos a Caión. A intención desde hai uns anos era facer unha ruta que unise os tres núcleos principais do Concello, por iso engadimos Paiosaco á ruta. Á volta farase en autobús, ademais poñeremos a disposición de todos un camión para trasladar as bicicletas de novo.
-¿Cal é a duración da ruta?
-Son aproximadamente cerca de 15 quilómetros, se temos en conta as outras edicións a viaxe durará en torno a dúas horas.
-¿Quen participará por parte do Concello?
-Tanto o alcalde como gran parte do goberno municipal estaremos presentes na organización. Ademais contaremos cunha ambulancia de apoio e un forte dispositivo de control e axuda por parte dos corpos de seguridade locais e a Garda Civil que facilitará o labor organizativo.
-¿O percorrido é doado para todo o mundo?
-Si, é un verdadeiro paseo, unha ruta moi suave que se executará lentamente. Ademais contará cunha parada de descanso para repoñer forzas, queremos que estea ó alcance de todos.
-¿Os laracheses están concienciados con este día?
-Moito, de feito, cos anos, a participación vai a máis, súmanse tanto pais coma nenos e nas últimas edicións chegamos a contar con máis de 300 persoas.
-¿Que premios haberá este ano?
-Os patrocinadores coma todos os anos entregaran uns obsequios a todos os participantes por iso é importante que se inscriban, poderán facelo o propio día de 10.00 a 11.00 no concello ou na sede de La Voz de Galicia en Carballo. Ademais haberá o habitual sorteo ó final da carreira para conseguir unha bicicleta.
-¿Que proxectos oferta o Concello para favorecer o uso da bicicleta?
-Cada vez hai máis participantes nesta iniciativa, esperamos que nun futuro poidamos levar a cabo maiores proxectos para potenciar o seu uso. Na localidade tamén contamos co club ciclista A Laracha en Dúas Rodas que cada ano vai aumentando o número de socios e fomenta a práctica deste deporte.