O meu otro neno

José Manuel Canedo Aguiar

CARBALLO

30 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Cando tiven que entrenar para o estranxeiro (digo entrenar porque fun en tren, se fose en barco diría embarcar), fun para Italia. Alí traballamos eu e máis a miña dona nunha casa de xente rica. Cando nos contrataron a señora dixo: «Fun catro veces a España» e eu díxenlle «Eu aínda nunca fun» (era a primeira vez que saía de España).

Repartiámonos os traballos. Eramos alí traballando nós, a coidadora dos nenos, a porteira e unha chica a horas. Había dous nenos pequenos, Michele e Melania. Cando os chamaba, gritaba «¡ Mikilania!» e viñan os dous.

Un día Michele, que tiña menos de dous anos, tiña febre e vómitos, e como vimos que estivera onde había deterxentes, levámolo ao hospital, por se tragara algo. Fixéronlle un lavado gástrico. Era unha falsa alarma. O xefe enfadouse moito: «Teño cinco persoas na casa e non sodes capaces de controlar aos nenos». Tiña razón así que, dende esa, eu levaba á Michele comigo a todas partes.

Queríame máis a min que aos seus pais xuntos. ¿Por que o sei? Pura lóxica, porque cando eles marchaban, e quedaba comigo, non choraba. E cando marchaba eu, e quedaba cos pais, choraba.

Outro dos meus traballos era secar as copas. Unhas copas de cristal de Murano, que de cando en vez rompían. A señora dicíame: «Non sei como te arranxas, que sempre che rompen a ti, a Mónica (a chica a horas) nunca lle rompen». Como lle van romper se nunca as seca, dicía eu. E a señora: «Pois ten coidado que custan 30.000 liras cada unha».

Un día rompeulle unha copa a señora e díxenlle: «¡Señora, custan 30.000 liras!» e ela: «Custaban, agora custan 35.000»

Outro dos meus traballos era servir comidas e ceas e sempre con Michele axudándome. Un día, nunha cea con invitados, estreei unha chaqueta cor prata e dixen: «¡Señora! a un camareiro de ouro coma min ¿unha chaqueta de prata? E o xefe, despois de mirar para o seu fillo, abrazado a miña perna, dixo: «Silvia, chama a Cartier, que lle fagan unha chaqueta de ouro a José».

Estábamos moi contentos, os xefes eran moi simpáticos, tratábannos moi ben. Pero apareceunos un traballo en Carballo e decidimos entrenar para España. Michele choraba, nós choramos e Michele dicíalle a nai chorando e gritando: «¡Quérome casar con José, quérome casar con José!».

Desto hai 23 anos e o outro día mirando en Facebook paréceme que atopei a Michele, mandeille unha mensaxe. Aínda non me contestou. Posiblemente non se lembre de min. Eu tampouco me lembro del, porque endexamais o esquecín.