Neria edita 8.000 exemplares dun traballo con guión e debuxos do carballés Alberto Varela Ferreiro
20 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.«A finais de xaneiro de 1809, cento vinte dragóns do exército invasor chegan ás vilas de Cee e Corcubión esixindo cartos e alimentos para homes e bestas...». Así remata a introdución que Alejandro Lamas Costa escribe sobre a invasión napoleónica a Galicia, España e a Costa da Morte, fai 201 anos. Pode lerse na contraportada do cómic 1809. A rebelión neria , que acaba de editar a asociación supracomarcal Neria, con guión e debuxos do carballés Alberto Varela Ferreiro.
O equipo é máis grande. O asesoramento histórico é do propio Lamas, ademais de Salvador Mosteyrín Canosa e José Ramón Rey Senra; o lingüístico, de Mosteyrín e de Lucía Osa Bujeiro. Xan García Pouso foi o coordenador, e cinco libros son os que nutren o contido da obra: Corcubión y su jurisdicción en la Guerra de la Independenci a; Fragments of Vovages and Travels , Campagnes du capitaine Marcel du 69º de ligne en Espagne et en Portugal 1808-1814 ; Os franceses en Mazaricos. Batalla de Ponteolveira , e Ciudades en guerra, 1808-1814. Vigo en la Guerra de la Independencia .
Con todos estes mimbres, e un traballo exhaustivo de varios meses a cargo de Varela Ferreiro, Neria acaba de imprimir, coa colaboración da Deputación da Coruña, 8.000 exemplares dun cómic que axuda a entender, de maneira amena, a invasión dos franceses na bisbarra, da que tanto se falou o ano pasado, e da que aínda queda por falar, xa que Neria aínda ten pendentes tres charlas en Fisterra, O Pindo e Ponteolveira, un dos lugares nos que se produciron as batallas máis sanguentas.
Precisamente no segundo destes lugares, en O Pindo, está previsto que se celebre a primeira das presentacións da obra, malia a que aínda mon está fixada nin a data nin a hora.
Alberto Varela Ferreiro confesa que foi un traballo «maratoniano», ao que lle dedicou moito tempo, aínda que ao final se retrasou un pouco por temas burocráticos.
Parécelle «moi interesante» e está satisfeito, a nivel profesional, e tamén persoal: «Descubrín moitas cousas que non coñecía». Sinala que se trata dun traballo «para todas as idades». En canto ao guión, fuxe de algo habitual noutros cómics históricos, nos que as viñetas aparacen inconexas. Neste caso, hai unha continuidade de principio a fin, e tanén un labor de investigación sobre como podían ser os lugares da zona fai dous séculos, e as roupas e costumes. Contado en galego, os soldados ingleses e franceses deixan escapar algunha frase nas súas linguas.
Os destinatarios deste cómic serán os alumnos dos colexios dos municipios que forman parte de Neria, entre os que se distribuirán os 8.000 exemplares editatos. En principio, de maneira gratuíta, pero dende Neria apuntan a que, se cadra, cobrarase un prezo simbólico, e moi baixo.