Ximnasia para toda a vida

CARBALLO

O Concello de Carballo tamén achega os programas de exercicio físico aos maiores e ás mulleres embarazadas

10 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O exercicio físico forma parte da oferta educativa oficial, e tamén da de moitos clubes e entidades que desenvolven a súa actividade na Costa da Morte. Pero non é raro que esas sanas prácticas adquiridas de nenos se vaian abandonando co paso dos anos. As Administracións públicas teñen que velar pola saúde da poboación, e por iso son cada vez máis frecuentes as actividades encamiñadas a promover hábitos saudables. O deporte, sen dúbida, é unha das máis importantes.

No Concello de Carballo xa se puxo en marcha fai bastantes anos o programa de exercicio físico para maiores de 60 anos, no que colaboran nestes momentos as concellerías de Deporte e Terceira Idade, ademais da Deputación de A Coruña. Neste curso participan un total de 331 persoas nas sesións que se imparten tanto no casco urbano como nas parroquias de Berdillo, Cances, Entrecruces, Noicela, Razo e Rus.

A iniciativa ten varios obxectivos. Por suposto, acadar hábitos máis saudables, mellorar a calidade de vida dos maiores e favorecer as relacións sociais nese colectivo, no que as mulleres están en clara maioría.

Para elas tamén está en marcha outra actividade máis recente, pero que vai calando na sociedade ata o punto de ser cada vez máis demandada. A única pega é que só poden participar mulleres embarazadas, xa que se trata dun curso de ximnasia pre parto. O 22 de febreiro comezou a terceira edición desta iniciativa promovida pola Concellería de Igualdade e Benestar a través do CIM, e son arredor de trinta as futuras mamás que se preparan para dar a luz de aquí a xuño.