O noso vello borneirán está contando os días que faltan para o mes de decembro. Está moi ilusionado agardando a entrega da súa nova vivenda e non é para menos, xa que o seu corpo pétreo vaise resentindo despois de tantos séculos espido. Antes do Nadal terá un novo e acolledor teito que substituirá a coiraza que lle estragaron buscando tesouros.
Se hai algo que lle gusta do proxecto da Deputación é que vai poder seguir gozando da paisaxe do Chan de Borneiro.
Os vidros non deixarán entrar o vento nin a chuvia, pero aproveitará todos os raios solares para quencer os seus megalíticos esteos. Agradece que o arquitecto pensase nunha casiña xeitosa con moita madeira, porque os invernos desta zona son sempre moi húmidos.
Ata agora festexaba cada século que cumpría en relación cunha visita significativa coma cando o coñeceron os romanos, os suevos ou Eduardo Pondal. Coida que debe comezar a festexar o seu cumpreanos coma calquera outra persoa e o 4 de febreiro é a data que corresponde elixir. Foi neste día histórico cando recibiu o agarimo do presidente provincial xunto coas fondas apertas de todos os alcaldes da Costa da Morte.