«Os concellos deben ter un programa cultural estable»

CARBALLO

Dende o ano 2006 dirixe o grupo camariñán, que ten en cartel neste momento «As cicatrices da memoria»

07 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Nestes días nos que xa van rematando os actos de Nadal, o Concello de Camariñas aposta polo teatro. Faino recuperando a tradición dramatúrxica da localidade e así, logo do celebrado xa no 1996, estase a facer o segundo encontro teatral Costa da Morte. Participan varias compañías da comarca e mañá será a quenda para Dequenquén, de Camariñas. Porá en escena (19.00 horas, Casa de Pedra) As cicatrices da memoria, unha obra estreada en Ribeira e coa que chegaron ata Vitoria. O texto é de Jorge Díaz e a dirección, de José Leis (A Coruña, 34 anos). Dedícase á coordinación, ofrece clases teatrais e tamén dirixe postas en escena. -¿Que se ofrecerá mañá en Camariñas? -As cicatrices da memoria conta a historia dunha parella de mozos que se coñecen moi novos. Vese como vai evolucionando o seu amor a medida que pasan os anos e como vai cambiando a súa historia ata que chegan á idade adulta. Por outra banda, en paralelo, cóntase tamén a evolución histórica de España, aproximadamente dende que nace aquí a democracia ata finais dos anos 80. O texto é de Jorge Díaz, un autor chileno, quizais un dos mellores considerados dentro dos de fala hispana a nivel contemporáneo. -¿Como se xesta «As cicatrices da memoria» en Dequenquén Teatro? -É un proxecto que xorde arredor do ano 2007, despois de termos feito outra obra, aquela sobre o naufraxio dun barco na Costa da Morte. -«Os berros do silencio» chegou a acadar moito éxito. ¿Por que? -Quizais porque ese proxecto, do ano 2006, contaba unha historia ou era un tema máis propio do lugar. Despois desa obra foi cando comezamos con esta que se representará mañá, un espectáculo novo porque é un traballo a dous. Sobre o escenario están Isabel e Paco. Non hai cambios nin máis personaxes. É diferente porque é máis urbana, centrada en Madrid e os actores son profesionais, mentres que en Os berros do silencio habíaos que comezaban. -¿Como chegou un coruñés a dirixir unha compañía teatral de Camariñas? -Quen leva a produción das obras, Bernardino Martínez, e máis eu estudamos os dous Pedagoxía Teatral. Foi aí onde nos coñecemos. Chegamos a crear algúns proxectos de asociacións dramáticas e tamén os dous traballamos, por exemplo, como o teatro mellora a expresividade. De aí que nos fóramos vinculando e chegase eu á compañía. Foi todo un proceso natural. -E entrou vostede nunha formación xa de ampla traxectoria. -Pois si, no 2006, cando xa había moito que estaba funcionando. Bernardino Martínez si que leva dende os comezos. Xunto con el, Isabel Vázquez, Paco Valladares e eu integramos hoxe en día Dequenquén. -No ano 1996 celebrábase o primeiro encontro de teatro Costa da Morte en Camariñas. Desexábase que continuase, pero non foi ata o 2009 cando se organizou o segundo. ¿Vai agora por bo camiño? -É fundamental que neste tipo de concellos, máis ben pequenos, haxa un momento no que se reúnan este tipo de actividades, que haxa un programa cultural estable, de modo que a asistencia aos actos non sexa por despiste. Un cidadán non pode estar pendente de todo o que se fai en días soltos, polo que é mellor concentralo. Á vez, este encontro serve para saber co que se pode contar, para unir aos grupos da comarca e ver o que se fai neles.