«Un premio non soluciona nada, o difícil é ter traballo»

CARBALLO

Fondamente enraizada na Costa da Morte, esta actriz presentará hoxe a Mostra de Teatro de Malpica

05 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Tamara Canosa subirá aos escenarios de Malpica o vindeiro 4 de decembro coa obra A Pensión (compañía Redrum). Hoxe mesmo, participará na presentación da Mostra de Teatro desta vila costeira. O seu vencello coa Costa da Morte é forte: ten familia en Cee, a súa nai é de Sardiñeiro e o seu pai, de Camariñas. Ela deu o salto á pequena pantalla con Mareas Vivas, pero especialmente coñecida resultou grazas ao filme Pradolongo, que lle reportou o premio Mestre Mateo á mellor intérprete feminina. Ten outros moitos traballos, tamén curtas, pero o teatro é o que máis a enche.

-¿Qué significou «Mareas vivas» na súa carreira?

-Foi o meu primeiro traballo profesional, cando tiña uns 15 ou 16 anos. Daquela facía teatro no instituto, pero Mareas vivas permitiume saber que iso era precisamente o que quería: ser actriz. Foi aí onde aprendín todo o funcionamento das tripas da televisión, por así dicilo, e con profesionais como Miguel de Lira. Cando tes esa idade, pode parecer unha profesión que non está ao teu alcance.

-O filme «Pradolongo» foi outra exitosa parada.

-Si, a miña primeira película en cine con papel protagonista. Foi unha promoción moi especial e ningún dos que a rodamos no seu momento pensabamos que ía acadar semellante boom, pero a min o que máis me cambiou foi o teatro. Foi con iso cando dixen: «Deus, isto é o que me fai feliz», aínda que soe ñoño. Irse atopando cos personaxes, aportarlle ti a eles, pero eles tamén a ti.

-O papel en «Pradolongo» reportoulle un Mestre Mateo. ¿Que supón iso para unha actriz?

-É bonito, está moi ben, pero o que está claro é que un premio non soluciona nada, o difícil é ter traballo. Por suposto que a ningúen lle amarga un doce e compartir nominación con Carmen Maura, Neus Asensi ou Camila Bossa é unha sorte. É un recoñecemento por parte dos compañeiros, pero, en realidade, é a perseverancia, a ilusión e a constancia o que a fai a unha actriz. -¿Como ve o teatro en Galicia e na Costa da Morte? -Está habendo festivais con boa acollida. Estamos no camiño, pero tamén queda moito por facer. Ir ao teatro non é aínda tan habitual como ir ao cine, pero aínda así e pese a ser este un ano negro, nos últimos tempos está habendo máis oferta e máis apostas por parte dos concellos. Despois de décadas de traballo hai compañías galegas moi instauradas e Galicia está a facer cousas en teatro que son un exemplo para o estranxeiro.