Ignacio Varela, tenor malpicán

Adrián Abella Chouciño

CARBALLO

28 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Ignacio Varela (Malpica, 1864 - A Coruña, 1923) naceu no ano 1864 en Malpica de Bergantiños, no seo dunha familia mariñeira. Chegou a cantar en grandes teatros de Europa e América. Este pesco (alias de malpicán, dende séculos) debutou como profesional en Bilbao, no 1889, cantando Rigoleto. Tivo un dos grandes momentos da súa vida cando saiu da súa gorxa a primeira nota enriba do escenario da Scala de Milán. Isto non se consegue sen fatigas e menos un neno mariñeiro nacido, a finais do século XIX, nunha vila perdida do noroeste de Bergantiños, no noroeste de A Coruña, no noroeste de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. O destino levouno a emigrar a Cuba, con 12 anos, co seu irmán maior Eliseo. Alí empezaron a recoñecerse as súas boas condicións para o canto. Margarita Pedroso, xove dama da aristocracia cubana (filla dos marqueses de San Carlos), foi unha grande cantante non profesional e que tiña un gran espírito humanitario, polo que organizou varias representacións de ópera con fins benéficos. Nas Efemérides Líricas Cubanas, de Enrique Río Prado, recórdase a actuación de Ignacio como Polión na Norma, de Bellini, na Habana do 1885. Veu estudar a Madrid (voltas que dá a vida) gracias a esta gran muller que viu naquel pesquiño emigrado a un grande artista. En Madrid aconselláronlle ampliar estudios en Italia. Nunha daquelas clases escoitouno o gran Gallarre, quen lle deu bos consellos e lle augurou un gran porvir. Que se confirmou. Pero retirouse pronto como actor de ópera, e aos 39 anos volveu a Malpica e montou negocios de pesca, nos que foi innovador (a súa Conchita foi a primeira tarrafa de Galicia). No que hoxe hai tres hormigonadas mazás de edificios entre o mercado municipal de Malpica e o Mar do Caldeirón, había unhas modernas casetas para os aparellos de todos os seus barcos de pesca, os píos do salazón e a caldeira para facer a casca. Para os malpicáns esta decisión é o gran acontecemento na vida do tenor Varela, exemplo para todos nós. Pero vinte anos despois, varios reveses e problemas económicos fan que caia na ruína e o seu corazón enfermo lle pare no mes de xullo de 1923. Co 7% do que se gasta un ano para as Festas do mar no seu pobo natal, ¿non podemos comprometernos a facerlle un pequeno monumento nunha praza ou rúa cunha placa dedicada ao seu recordo? A propia cidade da Coruña tamén lle debe, directa e indirectamente, o seu recoñecemento. Unha das máis grandes sopranos líricas daqueles tempos, Bibiana Pérez, La Perecita, despois de casar con Ignacio Varela, estableceuse nesta cidade. Pola súa Escuela de Canto, que despois de facer Bibiana continuou a súa filla Carmen, pasaron moitos coruñeses para educar a voz. Entre eles, pódese destacar a María Luísa Rodríguez Nache, autora dunha pequeniña e fermosa biografía inédita do Tenor Ignacio Varela. Oxalá moi pronto algún estudante malpicán escriba a biografía que merece o tenor VArela para que o seu recordo e exemplo no se perda para sempre. C. H. E.