A Universidade Popular de Corcubión inaugura esta tarde o programa Maio solidario , co que pretende achegar á sociedade da Costa da Morte temas como a cooperación ou a solidariedade. O vicepresidente da entidade, Serxio Iglesas, espera que os veciños participen nas actividades que se desenvolverán ao longo de todo este mes. -¿Como será a segunda edición do «Maio solidario»? -Moi interesante. Temos actividades e profesionais como Xaquín López, que publicou un libro sobre a escravitude infantil no Golfo de Guinea, ou Lucía Oca, que realizou numerosos traballos sobre a cooperación caboverdiana. Outra das actividades destacadas será un obradoiro de dous arqueólogos, que farán unha comparación entre o sistema dun pobo de Etiopía cun castrexo. -¿Por que elixiron África? -A verdade é que o ano pasado as xornadas foron moi plurais, e para esta ocasión ocorréusenos facer algo más monográfico, para especializalas máis. Pensamos que era un bo tema e comezamos a traballar sobre el. -O ano pasado a participación foi alta, ¿que expectativas teñen agora? -Moi boas. A do ano pasado resultou unha experiencia moi positiva e nova, porque nunca se fixeran este tipo de actividades en Corcubión.