Xoán M. Barros Dios, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, é un dos investigadores do Laboratorio Galego de Radón.
-¿Por que aparecen no estudo niveis preocupantes de radón en Carballo e non noutros concellos limítrofes?
-O radón está en relación coa estrutura xeolóxica da zona. En Carballo hai unha parte na que hai radón, pero o resto, todo arredor, está en verde, o que quere dicir que a exhalación é baixa. A medida que se aumente o número de casas estudadas é probable que ese valor se vaia modulando. Agora interésanos rematar o mapa de Galicia, e despois o ideal sería que cada municipio pedise que se fixese un estudo completo. O problema é o custo.
- ¿De que xeito se están a facer as medicións? - Fanse medicións de casas elixidas por sorteo, coa subvención do Consello de Seguridade Nuclear. Eles fixeron unhas prospeccións previas e captaron a radiación gamma, e extrapolaron eses datos, mediante un modelo matemático, ao que serían as zonas de exhalación de radón. A verdade é que o que estamos medindo nas casas está saíndo bastante cravado ao que eles teñen previsto no seu modelo matemático. -¿Cando empezou o estudo?
-A primeira fase desenvolveuse entre os anos 2001 e 2003, cunha subvención da Secretaría de I+D da Xunta. Pediuse unha ampliación para rematar. A Xunta denegou a subvención, pero o Consello de Seguridade Nuclear aprobouna no 2005. Realmente, a segunda fase empezou en xaneiro do 2006. Estamos intentando rematar as provincias de Pontevedra e Lugo, que eran as máis atrasadas, e tamén nos gustaría completar os municipios que quedaron, como pasa aí na Costa da Morte, pero o primeiro é rematar o que tocou por sorteo. Agardamos telo feito para o mes de xuño. -Pero o nivel de radón non depende só do solo, senón tamén do tipo de construcións. -Claro. Dentro dun solo que sexa granítico e exhale moito radón, según se fixera o aillamento da casa vai influír. É moi variable. Depende do factor natural, da cantidade de rocha rica en uranio que haxa, pero tamén da construción. Por iso dicimos sempre que o problema do radón resólvese con medidas construtivas. -¿Teñen motivos os vecinos para estar preocupados? -A peor alarma social é o descoñecemento, sobre todo cando os responsables políticos son coñecedores deste tema. Hoxe, en Galicia, ninguén pode dicir que non coñece este tema, porque levamos dando a lata dende 1992. O problema son as responsabilidades políticas. Debemos ter en conta que o 50% da radiactividade que reciben os humanos procede do radón, é radiación gamma. -¿E a relación co cancro de pulmón? -O radón é a segunda causa en todo o mundo. Está demostrado. A propia OMS vai publicar o informe técnico que se remitirá aos gobernos coas medidas que deben adoptar, e esas medidas son, en primeiro lugar, informar á poboación, e, en segundo lugar, recordarllo aos sectores implicados: arquitectos, aparelladores, construtores? Aquí demos un paso coas Normas do Hábitat Galego, único texto do país que introduce este tema. A senadora do Partido Popular María Jesús Sáinz púxose en contacto comigo porque ten previsto presentar unha iniciativa para estendelo a outras zonas do Estado, e esta semana, no pleno de Ames, onde eu vivo, tamén se presentou unha iniciativa. Son pequenos pasos, pero teñen a súa importancia.