«Síntome privilexiada, sobre todo, porque o número 3 é para a Costa da Morte, non para min»
CARBALLO
Sisa Méndez leva pouco tempo na política, pero en menos de dous anos conseguiu un posto de concelleira en Carballo e o número tres da candidatura de Terra Galega pola provincia da Coruña nestas eleccións autonómicas.
-Moito máis non se pode pedir para empezar...
-Eu aposto por un proxecto que me parece moi interesante e moi necesario, e se por riba contan comigo eu colaboro dende o posto que decidan. Estou encantada e síntome privilexiada, sobre todo, porque o número 3 é para a Costa da Morte, non para min.
-¿En que radica a necesidade do proxecto de Terra Galega?
-En que hai un modelo de xestión que funciona, que hai un home que deixou a alcaldía para presentarse nesta candidatura, o que demostra que confía nela, e que xa nos demostrou, cos 23 anos de experiencia que ten como alcalde de Narón, que sabe xestionar, que sabe atraer ás industrias, que ten unha idea moi clara sobre como se pode aforrar, por exemplo, en gasto público e usar ese aforro en investimentos e na creación de emprego. Por iso apostamos por el. -As enquisas non auguran bos resultados para Terra Galega, ¿son conscientes? -Hai tanta cantidade de indecisos que pode pasar calquera cousa. A verdadeira enquisa vai ser a do 1 de marzo, e a partir de aí xa veremos.
-¿Vese vostede no Parlamento de Galicia?
-É complicado. Dende logo, non somos ilusos, e sabemos que estamos nunha batalla moi dura, porque os que están pelexando teñen moito que perder, e teñen moitos medios que nós non temos, pero a ilusión tamén axuda.