Fun escolarizado no colexio Monseñor José Benito Lamas, préto da casa, e empecei as clases o 15 de marzo de 1959
27 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.En Montevideo non todo era doce de leite. Tamén estaba a mortadela. Un pan porteño con dúas lonxas de friame de Cativelli ou de Ottonello son o mellor reforzo despois de tres horas sen saír da auga morna do Río da Prata. Os pais preguntan se lembra cando estivo en Laxe. Non recorda case nada e non quere distraerse. Roe de présa. Quere volver axiña co neno que está a facer un pozo na area e necesita axuda. Pola noite descubrirá que o tomate ademais de comerse tamén arrefría a pel queimada polo sol.
Tamén houbo que sufrir. Na aldea nunca comera carne de vaca. Cando viu no prato unha zumenta costela de cuadril quedou paralizado. Aquilo era horrible. Non entendía a razón de que a nai día si e día tamén lle preparara un churrasco. Insistía en convencerme de que comendo carne medraría moito. Os anacos ían dunha moa á outra pero non baixaban. O sangue escorregando... ¡que noxo! Houbo que botar man da inventiva, xa que dona Valentina non me deixaba saír da cociña sen rematar. Menos mal que se me ocorreu ir agachando os anaquiños mastigados nos petos do pantalón porque senón aínda hoxe estaría na mesa. En febreiro seguía habendo sol, pero ademais da praia era tempo de entroido. Chegaban as murgas e os tamborís. Desde os ombreiros do pai vía o paso das carrozas alegóricas que ían desfilando por 18. Estaba na esquina de Río Negro apretuxado entre milleiros de persoas. Oe un son que o fai vibrar. Un grupiño de homes negros peta coas mans nuns alongados tambores cheos de cores. Nunca vira antes tal cousa. Son os tamborís dunha comparsa de negros que tocan unha música que lle chaman candombe. Volve para a casa co ritmo na cabeza e repetindo unha e outra vez a fermosa palabra.
Periódico dos domingos
Os domingos pola mañá o meu pai adoitaba mercar o xornal El Día . Mentras el miraba nas páxinas dos avisos de compra e venda, eu lía en voz alta algunha noticia e tamén o que miña nai chamaba horóscopo.
Desta forma aprendín que había un presidente e moitas vacas e que os maiores gañaban cartos coa quiniela. Esta é outra palabra que me soaba ben e moito mellor aínda despois de que o meu tío Xesús, casado con tía Maruja e residente na Arxentina, chegara sorrindo carregado de masitas para celebrar que lle tocaran uns centos de pesos. O tío dicía que a quiniela uruguaia repartía moitos premios pero eu daquela non sabía de que raio falaba.
Días de escola
A escola comezaba o 15 de marzo. O colexio máis achegado era o Monseñor José Benito Lamas que quedaba a tres cuadras do apartamento. Neste centro de ensino que erguera o párroco Andrés Moreno non había monxas. As clases eran impartidas por mestras contratadas.
Houbo que mercar unha túnica branca e unha moña de cor azul mariño. Con este democrático uniforme obrigatorio ingresou oficialmente no novo país. A mestra falou coa nai para dicirlle: «La felicito, señora, nadie diría que su hijo lleva poco más de tres meses en el país y ya habla como un uruguayo».
Recordaba que en Tines (Vimianzo) coñecera a dona Leonor. A mestra da Coruña vivía na casa da avoa e ás veces ía á escola con ela, pero na clase había moito rebumbio porque os nenos pequenos estaban xunto cos maiores.