Nunha rotonda, un veciño sementara o gran por maio. A planta foi medrando e agora xa está graúda e vizosa
24 sep 2008 . Actualizado a las 11:06 h.Ninguén daba moito pola vida deste millo aló polo mes de xuño, pouco despois de que un veciño, que vive xusto en fronte, o prantara nunha isleta da estrada de Baio a Santa Comba, no lugar da Costa, pertencente a Zas. Non o daban porque é un terreo público, aínda que o veciño en cuestión pelexase por el, dicindo que antes das obras de ampliación da vía, aquela terra era súa.
Pero, coas obras feitas, aquilo é da Xunta. Quedou un cacho de leira no cruce cunha estrada pequena que vai cara abaixo, onde en tempos houbera un cruceiro, que con outros tempos, foi levado para unha vivenda. Ocorren cousas curiosas neste lugar.
Así que ninguén daba nada por este millo, e menos cando se soubo da acción do veciño. A Xunta actuará de inmediato, pensaron moitos, aínda que fose por seguridade.
Pero non actuou ninguén e o millo seguiu o seu ciclo vital, que é dos máis fermosos e fortes que ten o agro. Dun gran de nada sae unha pranta vizosa, verde, graúda, valiosa, alta, que ás veces pasa dos tres metros se é do país. Depende do tempo e da calidade.
E aí están os pés, pendentes da esfolla. Ese veciño, ¿fará unha meda na mesma isleta? ¿Poñerá un tallo, collerá un esfollador dunha tixeira vella e comezará a esfollar? ¿Deixará o monllo no sitio? ¿Erguerá unha cabana, como a de A Lagoa? A ver que conta o tempo desta vez.