Alcaldes de Carballo, do franquismo á primeira corporación democrática

Xan Fraga Rodríguez

CARBALLO

Nas catro décadas que van do 36 ao 79, a capital de Bergantiños tivo oito rexedores, un deles en funcións e outro, Gregorio Chillón, que durou nada menos que 27 anos

25 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Destituída a última corporación municipal republicana que presidía o alcalde José Monteagudo, a primeira reunión do concello carballés despois do 18 de xullo foi o 14 e 16 de setembro de 1936, baixo a presidencia de Julio Sánchez de Rueda. Acordouse a definitiva composición dos concelleiros, que foron: Julio Sánchez de Rueda (Carballo, alcalde), Joaquín Caamaño López (Carballo, primeiro tenente-alcalde); Domingo González Botas (Carballo, primeiro síndico), Eliseo Cambón Paredes (Carballo, segundo síndico); Hermenegildo Vázquez Antelo (segundo tenente), Domingo Pombo Varela (terceiro tenente), Constantino Trigo Blanco (Sísamo, cuarto tenente), Antonio Remuiñán Carracedo (Ardaña), Ignacio García Cambón (Berdillo), Eliseo Cambón Penedo (Cances), Manuel Varela Varela (Lema), Ángel de la Fuente Patiño (Noicela), Manuel Canedo Palleiro (Rebordelos), José Rodríguez Castro (Rus) e Constantino Trigo Blanco (Sísamo).

En xuño de 1937, o alcalde Julio Sánchez Rueda presenta a dimisión por razóns de falta de tempo, oficialmente. Na realidade, o que pasou foi un chivatazo ao goberno militar da Coruña, no que se denunciaba ao alcalde como «de pasado republicano», ordenando á autoridade militar o seu cese inmediato. Pasaría a actuar como alcalde en funcións Joaquín Caamaño, ata que o 5 de febreiro de 1938 o gobernador civil nomea alcalde a Manuel Cambón Sánchez, que tomou posesión o día 9 do mesmo mes.

O lonxevo Gregorio Chillón

O 8 de outubro de 1940 é nomeado novo alcalde Gregorio Chillón de la Fuente, que o será ata xullo de 1967, sendo ademais xefe local «del Movimiento», procurador en Cortes en representación dos concellos da provincia, lexislatura 1946-49; deputado provincial (1952-58) e vicepresidente da mesma.

O 7 de xullo de 1967 toma posesión como novo alcalde Jacinto Amigo Lera, que fora nomeado polo Ministro da Gobernación o 4 do mesmo mes, formando o resto da corporación os seguintes concelleiros: Manuel Bello Pallas (primeiro tenente de alcalde), José Angeriz Varela (segundo tenente), Juan García González (terceiro tenente), Pedro González Tiradas (cuarto tenente), Manuel Mariño García (quinto tenente), Eduardo Mariño, José Facal Muñiz, Dámaso Ferreiro García, Antonio Veiga Rodríguez, Mariano Collazo, Manuel Rodríguez, Manuel Muíño García, Luciano Rey Gesto, Antonio Pérez Iglesias, Felipe López Fernández e Miguel Lendoiro García.

O período de Jacinto Amigo Lera na alcaldía remata o 14 de xullo de 1971, en que é nomeado novo alcalde Manuel Bello Pallas. É significativo sublimar que durante este mandato, o 3 de febreiro de 1974, toman posesión os novos concelleiros.

A primeira muller

Polo tercio das entidades (Lei Bases de Réxime Local, 17-7-1945, pola que había eleccións polos tercios de veciños cabeza de familia, de organismos sindicais e entidades e persoas de prestixio) sae por primeira vez unha muller: María Luísa Guijarro Paredes, que pasa a ocupar a terceira tenencia de alcaldía, ademais da delegación de Praza (Mercado) e Matadoiro, e forma parte da comisión informativa de Cultura.