Un pretexto para falar da sida

CARBALLO

A exposición «FotogrÁfrica», inaugurada onte en Carballo, reúne os testemuños directos dos afectados pola enfermidade

13 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Mulleres de Namibia, persoas seropositivas de Senegal, sanitarios de Mozambique e mozos de Angola aprenderon a usar a cámara de fotos para transmitir as súas vivencias arredor da sida. Falan de mulleres infectadas e abandonadas, de nenos contaxiados, de falta de información, de escaseza de medicamentos... E todas esas historias van enchendo os paneis que integran a exposición FotogrÁfrica , inaugurada onte no Pazo da Cultura de Carballo

A mostra é a culminación dun proxecto desenvolvido por Médicos do Mundo durante os anos 2005 e 2006 coa colaboración de catro fotógrafos: Lorena Ros, Javier Teniente, Xulio Villarino e Rosina Ynzenga. Cada un deles desenvolveu un obradoiro nun país diferente, e moitas das imaxes captadas polos seus alumnos son as que poden verse estes días en Carballo, «co cal a exposición é unha visión subxectiva dos propios afectados», indicou Lourdes Rey, concelleira de Sanidade, Igualdade, Emigración e Terceira Idade.

«O que queremos é contribuír a que a sociedade galega comprenda como está a afectar a sida, sobre todo, á África subsahariana», explicou Lorena Fernández, responsable en Galicia desta exposición, «que é unha escusa para falar do VIH», engadiu.

En España, a sida é unha enfermidade crónica e a Seguridade Social aporta os medicamentos de forma gratuíta. «Non é o caso de África», subliñou Lorena Fernández, onde hai 25 millóns de persoas enfermas, e onde Médicos do Mundo impulsa proxectos que benefician a máis de un millón de persoas en oito países. Máis do 60% da poboación afectada pola sida concéntrase na África subsahariana. E foi alí onde se levou a cabo o proxecto fotográfico.

O primeiro panel, denominado A loita , é o resultado do obradoiro desenvolvido en Namibia. As protagonistas son as mulleres, porque a discriminación machista fai que sexan máis vulnerables fronte ao contaxio, pero ao mesmo tempo son o principal motor de desenvolvemento as familias. A fotografía de Lorena Ros na que as súas alumnas posan coa cámara é unha das máis chamativas da mostra.

Senegal representa O silencio , porque as persoas que conviven coa sida teñen que afrontar non só a enfermidade, senón tamén a discriminación que conleva. No obradoiro de Javier Teniente dan a cara a rachan co silencio.

O persoal sanitario que traballa a diario con enfermos de sida en Mozambique enche coas súas historias de pobreza, toma de conciencia e prevención no panel titulado A vida , desenvolvido por Xulio Villarino.

En Angola, 16 mozos de catorce a vinte anos, amosan a súa visión sobre a sida e o país. O futuro , o panel de Rosina Ynzenga, pecha o círculo.