A delegación que divulga a prolongación do Camiño de Santiago percorreu onte un cento de quilómetros
06 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A provincia de León é a que lle dá máis quilómetros ao Camiño de Santiago pola ruta francesa. E polas outras. Nin máis nin menos que 222. Máis, por exemplo, que Burgos e Palencia xuntas. A delegación da Costa da Morte (os alcaldes de Cee, Fisterra e Dumbría, e o tesoureiro e o secretario de Neria) que percorre todo o Camiño dende Roncesvalles para dar a coñecer a prolongación da vía cara Fisterra e Muxía, entrou onte en León, e hoxe seguirá por estas terras. Onte, polas máis castelás, onde se funde parte do páramo palentino e máis o leonés; hoxe, polas máis bercianas, que para moitos xa serán as máis «galegas», en paixase, carácter e lingua.
Esta expedición da Costa da Morte percorreu 96 quilómetros que atravesan 18 localidades do Camiño. Case todas con albergue, un ou dous. Bos, ou que dan pena. Abriu a mañá en Carrión de los Condes, aínda en Palencia, un magnífico enclave histórico que anda estes días asolagado polo frío.
As rectas inmensas, con verde pálido á esquerda e á dereita, e con placas solares de cando en vez no medio da (case) nada, levan a Calzadilla de la Cueza, trinta habitantes, onde hai hospedaría privada. Rexéntaa César Acero, que é o vicepresidente da Red de Albergues Privados del Camino Francés. Explica que por este lugar, no que no verán poden alcanzarse os 42 graos (e sen humidade) pasan ao ano uns 20.000 peregrinos. Afirma, con seguridade, que ata un 80% deles chegarán ata Fisterra, polo que ve e polo que lle contan.
Tras Calzadilla, un pobo bañado de cerca polo río Cueza, que vira e revira pola estrada e parece que nunca se acaba de pasar, aparece Lédigos, pobo escaso. León, a provincia, xa está na outra volta, e con ela Sahagún, unha desas vilas con impronta, igrexas impoñentes e historia, que se remonta incluso á persecución de dous santos, Facundo e Primitivo, a finais do século II despois de Cristo. Pero tanta prestancia non chega para que se decidan a abrir a porta do albergue público á súa hora, así que toca esperar.
Sorpresa
Segue logo Calzada del Coto, un curioso lugar no que hai que deixar o material no Concello, onde espera un solitario alguacil un tanto sorprendido pola visita, pero moi receptivo.
A etapa avanza cara Bercianos del Real, Burgo Ranero (un albergue leva o nome do peregrino Domenico Laffi, quen xa viaxara ata Fisterra aló polo XVI), e Santas Martas. Todo o camiño é barro e cor marrón. Hai soidade, abandono, e un ambiente que non convida ao turismo activo. E frío.
En Reliegos, máis adiante, onde hai bodegas enterradas na terra e xa en desuso, varias mulleres envoltas en bufandas-burka van a practicar ximnasia ás 13.00 horas ao albergue Don Gaiferos, polo que se ve, local social.
Chega axiña Mansilla de las Mulas, que xa é outra cousa, lugar histórico do Camiño dende hai mil anos. Hai cruces, pedras con desexos dos camiñantes, aires de peregrinos.
No albergue, a responsable, Laura, agradece profusamente a entrega do material informativo, pide máis, e explica que, pese a que contactou coa Xunta varias veces, non lle mandaron nada. E iso que pasan ao ano 30.000 persoas.
Despois, entre naves industriais, ao fondo, chega León. Outra historia.