De Cee a Eurovisión

CARBALLO

Dous artistas locais son candidatos á selección final dos que representarán a España no festival da canción

20 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Cee sempre tivo moito que ver coa Unión Europea, antes Comunidade. O chiste é como o avaro de Moliére, vello e malo, pero nos primeiros anos da adhesión, aló polo 86, moitos eran os que confundían a Cee coa CEE.

A outros niveis, Cee volve a estar aí pegado a Europa pola parte musical que lle toca, nada menos que con dous candidatos á selección final de dez da que sairá o representante do país no Festival de Eurovisión. Hai, en total, 532 en toda España, dos máis variopintos estilos. Tan diversos como os de Cee. Por unha parte, Rocío Caamaño, cantante ben coñecida que acaba de presentar recentemente o seu disco Comprometida , no que se inclúe o tema Salim , que é o candidato. Conta a historia dun neno saharaui que ten que loitar como soldado.

Un tema solidario, con mensaxe, con ritmo pegadizo e bailable, moi da onda de Eurovisión. Pero, de momento, os votos van como van. Onte pola tarde ía ascendendo polos 420. Cada conta de correo pode aportar un máximo de cinco ao día. Eses votos colocaban a Rocío no posto 117, tamén medrando. Case 2.000 persoas visitaron o seu perfil. Ao dela, e ao de todos, pódese acceder dende a web http://www.myspace.com/eurovision2008, e logo buscar por provincia ou por letra. Os cinco primeiros entran na fase final, e outros cinco farano pola selección dun xurado. Rocío non é especialmente optimista, pero aí está, dándose a coñecer, esperando votos ata dentro de cinco días e recibíndoos dende o sábado.

Leopoldo Lamela Rodríguez é outro mozo de Cee que tamén opta a ser seleccionada. Leopoldo figura co seu nome artístico, LeöKCh. Que vén sendo, Leopoldo de Kamiños Chans. El fai rap. tamén house e reagge ao seu estilo. Pero, sobre todo, rap. Xa leva cinco anos niso, pese á súa xuventude. Traballa con Antonio López (N.2..1, nome de guerra). Prepara as bases melódicas e rítmicas, compón as letras, cheas de intención. O seu tema titúlase Ey, despierta: Ey, despierta/ escucha lo que digo/, tú comes costilleta/ y el huesito pal mendigo. Onte andaba polos 150 votos e polo posto 221. Na súa páxina de www.myspace.com, na que 5.000 persoas xa viron o perfil, pódense escoitar outros temas, que dan unha idea de por onde van os tiros, que toma, como non podía ser doutro xeito, moi en serio. Poucos saben que, no programa especial de Fin de Ano 2007 interviu na gala musical, acompañando, cun tema rapeado, a Rosario Mohedado. A intervención, nun vídeo de Youtube, está colgada na súa páxina. Leo láiase de que durante un tempo, votos de amigos seus con contas de correo de hotmail non valesen para nada. Enteráronse un tempo despois.