«A compostaxe recupera unha práctica habitual»

C. S. / M. V.

CARBALLO

A Sociedade Galega do Medio Ambiente pon?en marcha en Carballo e Cerceda un programa piloto

24 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os concellos de Carballo e Cerceda participarán nun proxecto experimental de compostaxe doméstico promovido por Sogama e a Consellería de Medio Ambiente. Este plan piloto xa se levou a cabo con moito éxito en varios municipios de Ourense e diso falou onte en Voces de Bergantiños , de Radio Voz, a responsable de comunicación de Sogama, Teri Campos, quen explicou as vantaxes do sistema.

-¿En que consiste a compostaxe doméstica?

-O que fixemos foi un programa piloto en catro concellos da provincia de Ourense. Seleccionamos 50 familias ás que lles demos uns composteiros, que son os recipientes para elaborar o compós. Faise unicamente con restos orgánicos, que veñen a ser o 50% do lixo que se produce nun fogar. Con todo isto conséguese un abono que se pode reutilizar nas propias hortas ou xardíns. Foi un programa que tivo moi bos resultados e queremos estendelo, de forma progresiva, ao resto de Galicia.

-¿Pódese facer en calquera fogar?

-No medio urbano é máis complicado e a nosa idea é instauralo no medio rural. Hai que ter en conta que Galicia é a comunidade máis dispersa de toda Europa. O territorio e as condicións orográficas son as idóneas para implantar un programa destas características. É máis factible facelo no rural e hai que ter en conta que a compostaxe simplemente trata de recuperar unha práctica que foi habitual en Galicia, onde se usaban os restos orgánicos para alimento do gando, polo que non é unha tarefa complicada para as familias que participan neste programa.

-¿Cales son os beneficios da compostaxe?

-Os beneficios son claros e evidentes. Reducimos a cantidade de lixo que se destina a outros tipos de tratamento, como pode ser a planta de Sogama. Tamén acadamos un abono que ten excelentes calidades para o solo. A nivel económico reduce en gran proporción a factura dos concellos, porque teñen que pagar moito menos, porque entregan menos toneladas a Sogama e tamén se reducen os custes do transporte e do tratamento. A nivel social comprobamos tamén un certo beneficio a nivel, porque no rural os contedores están moi distanciados das casas. O feito de poder reciclar a materia orgánica en orixe fai que os desprazamentos se fagan moito máis distanciados.

-¿Onde se conseguen os composteiros?

-Neste programa piloto os composteiros foron facilitados por Sogama e agora xa temos un fabricante en Galicia, que os vai a facer con materiais reciclados, o que tamén vai fomentar a industria e a crear emprego. Ata o de agora había que traelos de Austria e Bélxica. Sogama tamén llos facilitará aos concellos que van a participar na nova fase deste proxecto.

-¿Que teñen que facer os veciños de Carballo e Cerceda para poder participar neste programa?

-Teñen que pedilo a través dos concellos, que serán os que avalíen cales son as familias que reúnen as características idóneas para participar. No caso dos concellos de Ourense, por exemplo, fíxose a través da publicación de bandos. As familias teñen que ser conscientes de que con isto vai haber un seguimento e cursos de formación. O seguimento faise para que a técnica de elaboración do compós sexa a adecuada para acadar un produto de calidade, porque non se pode facer de calquera xeito.