A orixinalidade terá premio en Ponteceso e en Laxe

M. V.

CARBALLO

Ambas localidades celebran o vindeiro día 3 os seus tradicionais desfiles e concursos de disfraces

23 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O entroido está á volta da esquina e xa son moitos os veciños da Costa da Morte que están a preparar os seus disfraces. Algúns optarán pola opción de rebuscar no fallado roupas vellas, pero moitos outros seguro que xa levan varios meses preparando as súas vestimentas. Tanto uns coma os outros teñen unha boa morea de oportunidades para lucir as súas galas e, por que non, presentarse a algún dos múltiples concursos que estes días celebraránse na bisbarra.

Os Concellos de Laxe e Ponteceso, por exemplo, veñen de facer público as súas bases, co obxectivo de que os que aínda non teñan preparados os seus disfraces espabilen e se poñan mans á obra.

No caso de Laxe, os interesados en participar teñen que anotarse no Concello (departamento de Cultura) antes do próximo día 31. Poden elexir entre tres modalidades: disfraces (desde un a cinco membros no grupo), comparsas (mínimo seis persoas) ou carrozas. No primeiro caso non fai falta que fagan unha inscripción, xa que será suficiente con que o día 3, antes das 18.30 horas, se presenten na praza dos Voluntarios para formalizar a súa participación.

O Concello repartirá máis de 1.300 euros en premios. Haberá un único para a mellor carroza, mentres que na categorías individual, grupos e comparsas terán dous galardóns, un para os nenos e outro para os adultos.

No caso do Concello de Ponteceso, o desfile de disfraces comezará pouco despois das cinco da tarde. Saldrá da praza do Recheo e recorrerá todo o pobo. Antes, a partir das catro e media, celebrarase na praza un obradoiro de maquillaxe, no que os nenos poderán darlle os últimos toques ao seu disfraz e tras o desfile pola localidade os participantes subirán ao palco instalado para a ocasión para lucir os seus traxes.

A entrega dos premios, o chocolate, as roscas e os xogos infantís porán a guinda a esta tarde de entroido á que poderán asistir todos os veciños. Eso si, os que queira participar no concurso de disfraces deberán anotarse na oficina municipal de información xuvenil antes das dúas da tarde do vindeiro luns.

Tamén segue aberto o prazo para anotarse ao Xoves de Comadres que organiza a comisión da muller do BNG. Celebrarase o día 27 no Carrumeiro, a partir das 21.30 horas. As interesadas en participar na laconada teñen que inscribirse no restaurante. Custa 20 euros.