Alfredo Reigía ten 52 anos e naceu en Cerqueda (Malpica), aínda que hai 27 anos que vive en Laxe. Alí leva máis de vinte anos como xerente dunha marisquería familiar da que é propietaria a súa muller, o restaurante Zürich.
-¿Cales son os pratos que máis piden no seu restaurante?
-Calquera tipo de marisco, pero sobre todo centola, salpicón de lumbrigante, lagosta e camarón.
-¿Baixou a demanda despois do Nadal?
-O Nadal é unha época moi boa para nós, porque moita xente encarga as ceas de Noiteboa para non ter que cociñar, e servímolas a domicilio. Agora é unha tempada un pouco baixa, pero seguimos tendo os clientes habituais, que se marchan fóra ou teñen calquera comida sempre nos encargan os pratos e lévanos cociñados.
-¿E os prezos descenderon?
-Claro que si, pero depende do produto. A centola estaba hai unhas semanas a 50 euros, e agora está a 20, e iso reflíctese no custo dos pratos.
-¿De onde traen os produtos?
-De Camelle, Laxe e Fisterra, pero agora co temporal está escaseando o peixe en xeral.
-¿Cal é o seu prato preferido?
-Sen dúbida, o salpicón, pero tamén está bo o arroz con lumbrigante.
-¿E o produto ideal para esta época do ano?
-Esta é a mellor época para comer centola, linguado e rape, pero tamén temos una tenreira moi boa.