Caixa Galicia amosa no Pazo da Cultura carballés?os seus fondos artísticos relacionados cos océanos
17 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O mar é unha musa que inspira a moitos artistas. Os pintores non son menos e se alguén o dubida non ten máis que achegarse ao terceiro andar do Pazo da Cultura de Carballo e comprobalo. Alí poderá ver unha exposición que xa pasou por moitas vilas de Galicia e que onte inauguraron o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, e o teniente de alcalde, José Antonio Viña. Alí tamén estivo Isabel Bilbao, da Fundación Caixa Galicia, entidade que fai posible esta mostra. De feito, sen a caixa sería imposible gozar dela, xa que a treintena de obras que poden verse pertencen aos fondos artísticos da Fundación. Baixo o título O mar nos fondos da colección Caixa Galicia , os visitantes poderán ver, ata o próximo 9 de marzo, a mostra fai un percorrido polas obras dos artistas galegos máis destacados dos séculos XX e XXI. Unha exposición cunha dobre misión: amosar o tratamento que do mar fixeron distintos pintores da comunidade e amosar o percorrido ideolóxico e estilístico trazado polo arte galego durante o século pasado. Desta maneira, o traxecto arranca da produción de artistas que, como Francisco Lloréns e Modesto Brocos, supoñen o salto da condición artesanal da creación artística a unha máis complexa e cosmopolita, que esquecía o carácter relixioso ou oficial da pintura e a relacionaba coa realidade máis próxima que rodea ao artista: paisaxes, escenas urbanas... Na exposición pode verse tamén que o paso seguinte que deron os artistas galegos foi a asunción da individualidade moderna do home e do seu poder para participar no cambio social. Así, segundo explican os organizadores da Fundación, a arte utilizábase como un medio máis para acadar o progreso. Poñen como exemplo a Castelao, que xa fose como escritor, pintor ou político asumiu ese compromiso. O percorrido pola mostra pon en evidencia que a xeración seguinte, a dos Renovadores, trouxeron a Galicia as tendencias artísticas europeas e americanas, algo que pode verse nas pinturas de Arturo Souto, Colmeiro e Seoane. O gris omnipresente de Tino Grandío e o cariz simbólico de Luís Seoane completan unha mostra, que tamén inclúe obras de Urbano Lugrís e Abelenda fuxindo cara ao imaxinario; Mario Fernández Granell, baluarte galego do surrealismo; Lago Rivera, co seu ton irónico e tráxico, e Álvarez Basso e Morquecho. En definitiva, unha viaxe polo mar que demostra que os océanos son algo máis que auga salgada. Unha musa que pervive na poesía da pintura e agora no Pazo da Cultura.