«O alcol e o tabaco son a entrada ao resto das drogas»

Cristina Souto

CARBALLO

A asociación Neria inicia hoxe en Mazaricos unhas xornadas sobre a prevención do consumo

28 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Esta tarde comeza, na Casa da Cultura de A Picota, no Concello de Mazaricos, a edición número 13 das Xornadas de Prevención de Drogodependencias que organiza a asociación Neria. Hoxe e mañá, desde as 19.30 horas, diferentes expertos falarán sobre diferentes temas relacionados co consumo de drogas, tanto legais como ilegais. A responsable do programa de drogodependencias de Neria, Guadalupe López Canosa, explicou en Voces de Bergantiños , de Radio Voz, en que consistirán as xornadas.

-Son unhas xornadas recoñecidas pola Consellería de Sanidade como de interese sanitario.

-Así é, pero eu recoméndollas a todo o mundo porque aínda que están moi dirixidas a profesionais e técnicos que traballan neste ámbito, tamén están pensadas para todas aquelas persoas que se sintan próximas a está cuestión das drogodependencias. Ninguén pode pasar por alto este tema.

-¿Cal é o seu obxectivo?

-O obxectivo é sensibilizar e proporcionar unha información sobre as drogodependencias e, sobre todo, promover unha maior sensibilización da poboación en relación con este tema. Queremos remover a conciencia e facer que a xente reflexione, porque é un tema que preocupa moito aos pais, pero moitas veces o pasamos por alto. Por iso, unha vez ao ano traemos a xente moi próxima á nosa realidade para que nos fale dos temas que nos interesan.

-Levades moitos anos realizando todo tipo de actividades e os mozos están máis informados, pero ¿empregan esa información?

-O obxectivo dos programas nunca vai ser eliminar ou reducir o consumo de drogas, porque iso sería imposible. O noso obxectivo é reducir a idade de inicio de contacto coas drogas. Os programas de prevención tamén perseguen que haxa menos consumo do esperado. Temos que ser realistas, as tendencias de consumo de drogas están á alza. España lidera o consumo de cocaína e o consumo de cannabis está aumentando. A prevención pasa pola información, pero no é o único e por iso os plans de prevención evolucionan. Pero non podemos pretender que só con iso os problemas de drogas desaparezan, porque estamos pelexando cunha tremenda oferta, con moitos intereses económicos e publicitarios que incitan continuamente ao consumo.

-¿Cal é o perfil actual do consumidor de drogas?

-Depende. Cada sustancia é distinta. O certo é que o problema é que os menores de idade teñen acceso ás drogas legais. Temos que traballar para que os rapaces non se inicien no consumo de tabaco e alcol ou retrasalo o máis posible. Se un neno con 13 anos xa fuma e bebe é moi probable que con 16 fume cannabis e con 17 cocaína. Así o din as estatísticas. Se conseguiramos que os nenos non probasen as drogas legais ata a maioría de idade, daría saltos de alegría, porque o alcol e o tabaco son a entrada ao resto das drogas.

-¿Cal é a mellor forma de concienciar aos mozos?

-É complicado. As charlas para os nenos non teñen ningún efecto preventivo. Os programas teñen que ser máis complexos e estar integrados na escola... Cos rapaces hai que traballar ao longo de todo o curso. Se o neno aprende hábitos saudables desde pequeno, hai máis probabilidades de que chegado o momento en que teña contacto con sustancias prexudiciais terá máis posibilidades de decidir libremente e de forma axeitada. Hai que educalos para que cando sintan a presión do grupo saiban dicir «isto non me interesa» e que non pase nada.