Setembro confirma o poder de convocatoria da Costa da Morte

La Voz

CARBALLO

04 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A Costa da Morte confirmou esta fin de semana o seu poder de convocatoria, sobre todo o domingo, no que milleiros de persoas botáronse ás estradas para desprazarse dende Carballo ata Muxía, dende Dumbría ata Baíñas ou dende Fisterra ata Cabovilaño. Foron tantas as citas lúdicas que por momentos resultaba difícil escoller. Aos que lles foi máis doado foi aos maiores de Cee, que responderon de xeito masivo á invitación do Concello para celebrar a Xuntanza de Confraternidade anual. No monte de San Pedro Mártir, acomodados baixo unha carpa, gozaron da comida e do baile, que se prolongou ata última hora da tarde, acompañados, entre outros, polo alcalde, Ramón Vigo, e pola vicealcaldesa, Amancia Trillo.

Muxía foi outro punto de encontro de masas. A novena do domingo pola tarde foi a máis concorrida da semana, con centos de persoas ás que lles resultou imposible entrar no Santuario da Barca por un mero problema de espazo, e que, polo tanto, non puideron gozar cos recitais das corais da vila e de A Coruña que actuaron a continuación. Xunto aos actos relixiosos, protagonistas nestes días previos á romaría -hoxe volven a celebrarse misas ás 09.00 e ás 19.00 horas-, esta fin de semana tamén coincidiron varias iniciativas culturais. O sábado houbo sesión dobre de teatro, para nenos e maiores, a última protagonizada pola Escola Municipal de Teatro de Cee, e tamén actuou no paseo marítimo o grupo de gaitas Punta da Buítra. E o domingo achegáronse ata a vila os participantes, arredor de 180, na xuntanza cabalar de Quintáns.

A fin de semana foi intensa tamén en Carballo, sobre todo debido á celebración da festa da Milagrosa. O barrio converteuse o domingo no destino de centos de veciños e visitantes, tanto para ver as alfombras florais, que este ano elixiron como motivo os escudos papais, como para a exhibición de doma cabalar que se celebrou pola tarde, para os bailes ou mesmo para tomar algo nas numerosas terrazas habilitadas polos establecementos de hostalería.

As festas chegaron ademais a localidades como O Esto (Cabana), Erboedo e Cabovilaño (A Laracha), Cambre (Malpica) ou Baíñas (Vimianzo). Nesta última, a fin de semana prolongouse ata onte, cos últimos actos relixiosos e lúdicos na honra de san Antolín.

E multitudinaria foi tamén a procesión que acompañou á Virxe dos Milagres de Caión ata o santuario, onde hoxe seguen as misas pola mañá e pola tarde.