Vimianzo rememora o levantamento irmandiño

La Voz

CARBALLO

Historia | Asalto ao Castelo

04 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A vila soneirá de Vimianzo brindaralle a aqueles que a visiten o vindeiro sábado a posibilidade de vivir unha, de primeira man, un escena histórica de finais do século XV. No castelo da localidade terá lugar a conmemoración do asedio que viviu a fortaleza o 7 de xullo do 1467, como consecuencia do levantamento campesiño en contra dos señores feudais, apoiados por Isabel a Católica, que recibiu o nome de Revolta Irmandiña. Na representación tomarán parte as personaxes lendarias do enfrontamento: Alonso de Lanzós, o Guerreiro, A Meiga do Orballo, O Comendador do Castelo e mesmo O Arzobispo. Ademais, a organización porá a disposición dos asistentes roupa de época, para que se poidan caracterizar de irmandiños. A celebración estará acompañada por unha completa oferta musical que terá como prato forte a actuación de Berrogüetto, un grupo galego de folk que leva dez anos revolucionando o panorama a nivel internacional e que acadou numerosos premios, entre os que se atopa, nada menos, que unha nominación para o Grammy Latino. Como as revolucións sempre dan apetito, a partires das oito e media da tarde, poderase degustar touciño a grella e viño do país, totalmente de balde. A oferta lúdica completarase con actividades para nenos e xogos populares como a chave, a ra, os birlos ou a porco. O castelo de Vimianzo, ten os seus orixes no século XII, aínda que o que se conserva vén das reconstrucións do século XV. Dentro das súas paredes gardaron presidio persoeiros da talla do arcebispo Diego de Muros ou o propio Alonso II de Fonseca. Na actualidade é unha das poucas construcións deste tipo de titularidade pública que hai en Galicia.