Reportaxe | Tradicións da comarca Un veciño de Anxeriz, Jesús Bardanca, decidiu construír por si mesmo, sen planos nin axuda, só coa memoria, algúns aparellos que se usaban na recollida do liño
25 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Pasa na terra e no mar, que son as dúas armas que levan escudos da Costa da Morte: profesións ligadas intima e necesariamente ás leiras e ao océano van desaparecendo cos anos, lei de vida, e con elas, morren nomes plantados durante centurias na linguaxe da xente. Pasa incluso cos traballos que aínda subsisten malamente de maneira manual, como os sachos do millo. ¿Quen distingue xa o que é decruar, arrendar, acolar? ¿E canto tardará en desaparecer? Ou, xa na beira dos portos, siar, vogar para atrás. ¡Se case non hai nin mariñeiro que vogue para diante! De novo nos campos, co liño pasa algo así. Dende que, haberá xa corenta anos, ou se cadra máis, o liño morreu nos grandes campos, que foron substituídos, parcelaria mediante, en herbais, pastos, fincas de eucaliptos, de pinos... O liño é un recordo, a miúdo duro para as mulleres que tiñan que romper o lombo ou perder a paciencia. E tamén o é polas roupas ou as colchas ou outros elementos que se foron facendo con aqueles fíos. Hai xente que trata de recuperar esta tradición, pero sen o traballo duro de plantar e recoller (aínda que O Santiaguiño de Carreira si que sementa e apaña a finais de agosto e respecta o rito), e sempre co colchón de axuda das subvencións e a agradable vaidade das comidas multitudinarias. Todo é bo, porque todo axuda. Outros, dende a humildade, tamén contribúen a recuperar a memoria do liño. Coa particularidade de que o fan coa única axuda da súa propia, asentada nunca cabeza ben amoblada, pese a que os anos xa van mallando. É o caso -seguro que hai máis- de xente como Jesús Bardanca Cancela, de Pedra Salgueira, en Anxeriz. Nas últimas semanas, e sen papeis nin planos, só coas mans e os instrumentos da súa vella profesión de zapateiro, foi construíndo (non reconstruíndo, que parece máis doado) aqueles instrumentos que viu na súa nenez, e cos que se facían os traballos dos que tanto lle falou súa bisavoa, finada no 1935, con 101 anos. Jesús fixo na súa casa tascón, restrelo, roca, debadoira, fuso, sarillo. Hai verbas que cambian segundo o sitio, a comarca, pero todas van cara o mesmo rego. Ten un pequeno museo que non aspira máis que a render unha homenaxe aos tempos perdidos. Sen teares. Sen necesidade de facer as bagañas, nin de macerar, nin de sacar a liñaza, nin de ir ao lagado. Só polo gusto de facer as cousas ben, mentres poden.