Entrevista | Xosé Benito Reza Rodríguez A Xunta xa traballa na ampliación da Rede Natura 2000 para incorporar novos espazos a unha lista na que xe se encontran varios enclaves situados na Costa da Morte
12 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.O goberno autonómico ven de anunciar que o territorio protexido pola Rede Natura 2000 será ampliado nun 50% en Galicia. Para elo contará cun Plan Director de Conservación que actualmente está en fase de elaboración e que dividirá a Rede en cinco zonas segundo os seus valores naturais. A norma tamén persegue determinar os usos posibles destas áreas, incentivando os usos tradicionais do territorio. A Rede Natura inclúe na actualidade 59 Lugares de Interese Comunitario e 14 Zonas de Especial Protección para as Aves, entre os que figuran algúns espazos naturais da Costa da Morte, pero a intención da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, que dirixe Xosé Benito Reza, é estender esa protección ao 17,6% do do territorio galego. -¿Pensa que a protección da Rede Natura é o mellor instrumento para conservar o medio? -Si, e de feito creo que é o instrumento máis importante a nivel mundial. É a rede ecolóxica máis grande de todo o mundo ao estar deseñada para todos os Estados Membros da UE. É o gran proxecto europeo de conservación da biodiversidade. A súa pretensión é crear unha gran rede ecolóxica coherente e europea para conservar as mellores manifestacións de biodiversidade en Europa. -A cotío aparece desvirtuada coma un freo ao progreso. -Eu creo que agora se está dando bastante información. Ata hai dous anos moi pouca xente en Galicia sabía que existía a Rede Natura 2000. Dende que entramos no goberno non nos cansamos de repetir cáles son as características desde programa, os beneficios e as oportunidades que reporta á sociedade galega, así como divulgar as zonas que están acollidas nesta protección especial. Ata entón non se sabía o que era a Rede Natura e tamén había infinidade de agresións de moitos tipos de proxectos e infraestruturas dentro da propia Rede. Non había regulación, normativas ou directrices e tampouco unha planificación clara sobre estes terreos. Pretendemos desterrar esta confusión co Plan Director de Conservación que estamos a ultimar. -¿Para que servirá ese novo plan? -Sinxelamente para demostrar que o desenvolvemento sostible é posible e necesario. Ademais deixará claro que hai que romper cos tópicos e os fantasmas que falan en contra dos usos tradicionais do territorio galego. Eses usos foron realmente os que conservaron a biodiversidade e a paisaxe de Galicia. O proxecto Rede Natura non está en contra, nin moito menos, das actividades tradicionais sostibles. Ademais pretendemos buscar novas alternativas que van parellas ao desenvolvemento rural: turismo rural, agricultura ecolóxica, ecoturismo, artesanías etcétera. Isto favorecerá fixar poboación a carón destes parques protexidos. -¿Cal será o incremento total do territorio galego protexido? -Imos a aumentalo practicamente nun 50%. Estamos nun 11,6% e imos a pasar a un 17,6%. Aínda estamos traballando na proposta de ampliación facendo a cartografía correspondente a cada espazo novo. -¿Como é a Rede Natura noutras comunidades? -Cataluña ten case o 30% do seu territorio baixo esta protección, Madrid manexa unhas porcentaxes do 39,8%. Canarias sitúase nun 37% e sabe sacarlle proveito para o turismo. Nós somos practicamente a última comunidade da lista en protección da natureza no eido territorial. -¿Qué supón a protección da biodiversidade? -É un signo de modernidade, de que estamos no século XXI. Tíñamos moita falta de ter fe no valor do noso patrimonio natural. Creo que o respecto ao patrimonio ben sexa natural, cultural, arquitectónico, etnográfico etcétera. é un síntoma da vitalidade un pobo. -¿Qué peso ten a divulgación? -A divulgación é un os grandes retos, pero tamén é moi importante traballar na consecución de recursos económicos para todas as zonas Rede Natura. Falo de abrir liñas de axuda para as boas iniciativas, medidas compensatorias, etcétera. Temos ao noso alcance os fondos estruturais 2007-2013 cunha serie de medidas destinadas ás áreas de Rede Natura. Á xente hai que apoiala e darlle opcións e financiamento. Todo vai encamiñado a ter un territorio ordenado, a respectar o que de verdade hai que respectar e a que se desenvolvan as industrias onde realmente se teñen que desenvolver.