A Festa das Letras tamén chega á Costa da Morte

La Voz LA VOZ | CARBALLO

CARBALLO

XESÚS BÚA

O inicio de moitas das actividades adiántase a mañá Charlas, mostras, exposicións e concursos son algúns dos actos programados

12 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Aínda que a celebración oficial do Día das Letras Galegas será o xoves, algúns dos Concellos, centros educativos e asociacións da Costa da Morte decidiron adiantar o inicio dos seus actos conmemorativos de tal xeito que son moitas as citas programadas xa para mañá nas que a figura de María Mariño -a poetisa homenaxeada este ano- e do resto dos escritores da terra serán protagonistas. A biblioteca de Laxe acollerá desde mañá e ata o día 18 unha exposición sobre a autora. Ademais, o martes (17.30), no colexio Cabo da Area, o escritor Fran Alonso falará sobre A vida secreta de María Mariño. Tamén durante toda a semana, o centro cultural de Zas albergará unha exposición de cestería, que forma parte dun programa de actividades que inclúe dúas proxeccións de cine en galego (martes e xoves, ás 18.00). En Vimianzo, a recentemente estreada Casa da Cultura acollerá actos de luns a venres. Mañá haberá unha visita de alumnos do colexio San Vicenzo e a entrega dos premios do certame das Letras Galegas (12.00); o martes, unha sesión de contacontos; o xoves e o sábado, actuacións das escolas municipais de teatro, gaita e pandeireta; e o venres, outra visita escolar. No mesmo municipio, pero en Pasarela, os veciños celebrarán as Letras Galegas o día propio (ás 16.00) con música tradicional e regueifas, e os responsables da asociación Cherinkas entregarán nesa mesma xornada os premios de seu certame de relatos curtos (o prazo de presentación dos traballos remata mañá). A vida e a obra de María Mariño é o eixo da mostra que desde mañá mesmo poderá ser contemplada na Casa da Cultura de Muxía. Ademais, o día 17 haberá a ofrenda floral a López Abente, unha charla sobre a autora e un concerto. Dentro do programa das xornadas culturais do IES Agra de Raíces, de Cee, que comezarán mañá e inclúen charlas, proxeccións, obradoiros, contacontos ou roteiros, haberá tamén espazo para a poetisa cunha exposición organizada polo Departamento de Galego do centro, ao igual que no instituto carballés Monte Neme, que mañá celebrará diversos actos. O programa de actos de Carballo para a próxima semana arrinca o mércores cun festival con teatro, música e danza (no colexio Bergantiños), e continuará o xoves cun concurso de pintura infantil, o maratón de lectura, a entrega dos premios normalizadores, un concerto da banda municipal e unha exposición. Os actos prolongaranse ata o próximo mes. Dúas proxección en galego (mércores e xoves, na Casa da Cultura) e unha representación teatral (venres) compoñen a oferta en A Laracha para conmemorar a Festa das Letras, mentres que en Cerceda os actos concentraranse o mércores nos colexios O Cruce e Celso Emilio Ferreiro, de A Silva, con actuacións e entregas de premios. A biblioteca municipal María Baña, de Cabana, acollerá o día 16 unha exposición e un programa especial de Radio Voz Bergantiños no que os poetas e os músicos locais terán un papel protagonista. A continuación, será a quenda do teatro, as actuacións e as exposición de manualidades, entre outras actividades.