Entrevista | Salustiano Mato de la Iglesia A Consellaría de Innovación e Sogama promoven a creación da Plataforma Tecnolóxica do Medio Ambiente para afondar na cooperación das empresas na investigación e os novos recursos
09 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Este luns celebrouse en Santiago de Compostela a presentación da Plataforma Tecnolóxica de Medio Ambiente de Galicia, que promoven a Consellería de Innovación e Industria da Xunta e Sogama. Máis de medio cento de empresas galegas de distinto tamaño participaron no encontro, onde se sentaron as bases para desenvolver a andaina dun grupo de investigación que aproveite os fondos 2007-2013. -O I+D+i semella algo exclusivo das universidades. -Todo o contrario. A vida diaria está chea e rodeada de resultados de iso tan complexo que chamamos o I+D+i. Aínda así, penso que nos queda por facer un esforzo de comunicación e sensibilización social para que a xente entenda que estas tres siglas supoñen o camiño máis curto para acadar a denominada sociedade do benestar. Inventos tan revolucionarios e cotiáns coma o microondas, as novas televisións de plasma, o aforro coas novas lámpadas... Todos saen dos procesos da investigación, o desenvolvemento e a innovación. -¿Como nos desenvolvemos os galegos nesto da innovación? -Penso que nestes dous anos de traballo chegamos a transmitir ilusión e a conectar con moita xente. O sector máis deficitario no mundo do I+D+i era precisamente o empresarial. Afortunadamente atopamos una gran receptividade entre o tecido empresarial e estanse a converter nos nosos aliados. Ese traballo vaise notar moi pronto nos denominados indicadores dunha sociedade. Eu penso que será axiña. -¿Hai interese entre a patronal? -O plan galego de I+D+i conta co respaldo de todos. Hai interese por parte dos verdadeiros protagonistas. Falo dos investigadores e os empresarios. O que máis lles preocupa unha vez que temos a idea é saber como levala á práctica. Para elo cómpre promover metodoloxías de traballo que fan posible ese tránsito, que vai dende a xeración das ideas ata a súa posta en valor, nun valor real, económico. -Acaba de presentarse a Plataforma Tecnolóxica de Medio Ambiente de Galicia. ¿En que consiste? -Dentro do plan, cando falamos de qué é o I+D, nós buscamos máis respostas como poden ser como se fai isto do I+D ou como facemos posible esa triplo hélice. Un dos instrumentos para atopar as respostas son estas Plataformas Tecnolóxicas Galegas, que veñen a ser grupos sectoriais de innovación. O ano pasado creáronse nove. Este ano pretendemos promover outras tantas e unha delas será un grupo sectorial do medio ambiente. Nel integraremos a todas as empresas galegas que se dediquen ao medio ambiente na nosa comunidade. Desta forma crearase unha estrutura estable onde se desenvolva un foro de cooperación que anime á cultura da colaboración entre as empresas. Nese foro estarán presentes os principais activos do sistema público: universidades, parques tecnolóxicos, centros de investigación estatais e autonómicos, etcétera. -¿A que se dedicará? -O seu primeiro traballo será desenvolver un documento que nós chamamos Axenda Estratéxica de Investigación e Innovación. É dicir, saber por onde temos que turrar para avanzar en Galicia en cuestións medioambientais. Nela ten que darse a participación de todos os que queira aportar ideas e liñas de traballo. Haberá unha serie de oportunidades no período 2007-2013 dende a Unión Europea que debemos aproveitar. Temos que ser capaces de abrir novos horizontes. Si deixamos pasar esta oportunidade, unha vez que remate ese período, xogaremos con desvantaxe. -A clave é o traballo en común. -A plataforma funciona como unha asemblea de cooperación, onde todos teñen oportunidade de crear riqueza. Aínda que é moi difícil socializar a información, é necesario saber que liñas de actuacións teñen as empresas que traballan no sector. De aí poden saír consorcios que afronten proxectos de gran calado. A plataforma ten una metodoloxía que permite que todos sexan tratados por igual, teña o tamaño que teña a súa empresa.