NOVOS TEMPOS | O |
26 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.MONTEVIDEO, con case millón e medio de habitantes, é moi extenso. Os edificios constrúense a escala humana. Non concibían alí as casas de grandes alturas. O parque automobilístico non foi moi cuantioso. De feito, non abundaban os atascos nos anos 60 e 70. As cachilas eran o reflexo duns automóbiles que se aproveitaban ata acadar, os 50 anos de vida. Xa temos destacado a importancia dos omnibus de CUTSA. De seguro foron usados en infinidade de ocasións para ir ver xogar ao Peñarol ou o Nacional. Ser manya ou bolso era (e é) a esencia dos uruguaios (cando menos dos uruguaios futboleiros). Nisto do fútbol os charrúas tamén teñen o seu gol de Zarra: foi o Maracanazo, en 1950, cando no estadio Maracaná a selección do Uruguai venceu por 1-2 na final do mundial de fútbol á selección brasileira. Ao longo de todo o partido o mate habería de estar presente nas bancadas. Trátase dunha infusión de herba mate ( ilex paraguaiensis ) cultivada no Paraguai, no norte de Arxentina e no sur do Brasil. De propiedades estimulantes (contén cafeína) tamén é un bo diurético. Temos que poñer a herba en media cabaza ou mate e engadirlle auga a punto de ferver. Despois debemos sorber a infusión resultante a través da bombilla (unha palliña de metal cun pequeno filtro na súa parte inferior). O seu consumo en Uruguai dáse a todas horas e en todas partes. Probabelmente algún membro da comitiva do Peñarol no Teresa Herrera tamén levaba o mate na man, o termo baixo o brazo e a súa matera baixo o ombro. Nunca llo vin ao señor que rexentaba o Bar Charrúa, na Ponte. Podería alguén dicirme se estivo en Uruguai? Grazas.