NOVOS TEMPOS | O |
13 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Todos os veráns os carballeses e bergantiñáns deportivistas podemos gozar do bo fútbol a comezos do mes de agosto. O Teresa Herrera, ano tras ano, dá paso aos torneos estivais de categoría. O mellor fútbol do mundo ten recalado na Coruña, ao pé do noso faro milenario, para deleite de todos os afeccionados e afeccionadas. Subir ao trolebús BUT nº 22, ao seu segundo andar, era un pracer para os máis cativos (e algún que outro maiorciño) e ver desde o alto todo o traxecto: A Laracha, Paiosaco, o mar desde a baixada de Larín cara a Arteixo, as rúas da Coruña cara a Juan Florez... A Franco tamén lle gustaba o fútbol. Ou iso aparentaba. Desde o Pazo de Meirás achegábase ao estadio Riazor e contemplaba o bo facer de xogadores locais e visitantes. Os escoltas e policía despregados para a ocasión máis ben estaban preocupados por outros balonazos, os dunha sempre presente oposición clandestina que lle lembraba a lexitimidade dun goberno legalmente constituído e derrocado polas armas. Calquera detalle era visto con preocupación e axiña saltaba a chispa. Nunha ocasión, nos anos 60, as xentes de Carballo que foran ver o Deportivo-Peñarol levaron un bo susto. Elas, e todos os que estaban en Riazor. Un carballés afábel, ben coñecido por todos no pobo, tivo a ocorrencia de berrar: «¡Viva la República...!» A frialdade do renxido dos cetmes xeou as gorxas de toda a afección. Durante un par de segundos, eternos, o silenzo abrazou as bancadas. Menos mal que logo aclarou o carballés o sentido da súa proclama, agasallo para os visitantes: «¡...Popular del Uruguay!»