«Cheguei á conclusión de que non pintaba nada»

CARBALLO

Entrevista | Manuel Santiago Trigo Cancela

12 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Dende que iniciou o seu noivado co PSdeG-PSOE, a mediados dos anos setenta, Manuel Santiago Trigo Cancela ten desempeñado diferentes papeis dentro da agrupación local. «No ano 1991 -lembra- incorporeime á agrupación de Carballo e fun na lista, de recheo, con Carlos Puga». Despois acompañou a Acacio Rodríguez como número dous, pero «o mandato non acabou moi ben». Non entanto, conseguiu o seu obxectivo, que non era outro que ser concelleiro no seu pobo, pero tamén a nivel orgánico desempeñou distintos cargos. Desde o 2003 non só ocupa un sillón no salón de plenos, senón que, ata onte, desempeñaba a delegación de Emprego, Promoción Económica e Participación Veciñal como membro do tripartito. - ¿Qué pasou para que a súa traxectoria política remate así? -Chegou un momento no que me desencantei da política. Cheguei á conclusión de que non pintaba nada e decidín desaparecer. E entendo que unha vez que desaparezo do partido teño que deixar de ser concelleiro, moi ao meu pesar, porque foi o cargo polo que sempre me sentín atraído. - Pero para tomar unha decisión así suponse que tivo que pasar algo realmente importante. -Si. Non me vexo recoñecido, aínda que eles din que si. E, sobre todo, percibo unha falta de confianza extraordinaria. Nestes partidos grandes, un métese aí e ao final vas de acompañante. Eu creo que fallou a relación entre os membros da executiva, que, polo menos a min, sempre me pareceu fría. - ¿Ten a súa decisión algo que ver con posibles desavenencias dentro do goberno tripartito? -No tripartito houbo aquela fase de crise protagonizada polo CDI, pero creo que se arranxou ben. Hai un respecto ás áreas de cada concelleiro. Non, non é un tema de goberno para nada, senón un tema persoal meu dentro da agrupación local. - ¿Cre que a súa renuncia vai influír de cara ás próximas eleccións? -O PSOE está acostumado a estas cousas. - ¿E que resultados lle augura ao partido en Carballo? -Eu xa non estou dentro, e prefiro que o digan eles. - Agora vai ter máis tempo libre. -Afortunadamente. Dedicareime a pasear, que teño que andar porque teño o azucre alto; a traballar, que aínda me quedan dous ou tres anos... Foi unha experiencia boa, e animo a calquera a que se meta, e que cando se canse... é como unha relación persoal, ás veces vai ben e ás veces vai mal.