ARA SOLIS | O |

04 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

A COSTA da Morte é rica. Moito. Incluso pódese valorar o seu nivel de riqueza. En materia enerxética a comarca produce 60 millóns de euros ao ano. Case nada. Poucas empresas en Galicia facturan tales cantidades e, desde logo cóntanse cos dedos dunha man -e sobran bastantes- as compañías que chegan a eses números na comarca. Mais esa riqueza nada ten que ver coa comarca. Xurde aquí e marcha para outros lugares. Nace do patrimonio de todos e acaba engrosando as contas duns poucos que seguramente nin pisaron esta zona. Na Costa da Morte repítense os problemas que padece Galicia en relación co resto de España. En certo sentido repítese, con menores diferenzas, claro, a relación existente entre o primeiro e o terceiro mundo. Na Europa máis avanzada houbo quen aproveitou os fondos de cohesión para poñerse nos postos de cabeza. Non é preciso ter moita vista para ver que Galicia fixo pouco por esa converxencia. Pero máis lamentable é darse unha volta pola Costa da Morte buscando algo que cheire a inversión para a converxencia. Os recursos propios dan riqueza fóra. A iniciativa empresarial na comarca é algo que xurde porque quen a ten é capaz de loitar contra as trabas e dificultades que lles poñen desde a comarca. O único síntoma do progreso son as casas de turismo rural con placa da Unión Europea. Tremendo progreso. Os recursos propios, como o peixe e o marisco, pasan desapercibidos, porque se deixan morrer de asco na ría de Corcubión ou no descontrol dos topes ou na falta dunha política común para poñer en marcha o sector. As malas linguas din que a política non serve para nada. Pero non é certo. O día que serva para aproveitar os recursos propios e crear emprego con eles haberá que quitarlle o sombreiro. Ata entón, seguiremos coa boina no sitio.