ARA SOLIS | O |
18 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A EXPERIENCIA permite darse conta de cousas curiosas. Galicia é bilingüe, din, e fala en galego e castelán, pero o análise dos momentos nos que se emprega cada lingua non deixa de sorprender. Recientemente o presidente da Xunta asistía en Vigo a unha reunión cos empresarios. Máis alá dos temas que se trataran naquel encontro gardei na memoria un dato anómalo: no mundo do diñeiro o presidente desenvolvíase en perfecto castelán. A anécdota quedaría máis ou menos arquivada no anecdotario persoal se non fose por sucesos recentes que a fixeron xurdir do disco duro. Houbo pola Costa da Morte unha vila onde se deron certos cruces de acusacións entre persoas. Un caso no que se mentaba á respectiva familia e no que, básicamente, as dúas partes se trataban, cordialmente, de corruptas. Pese a que esas partes son habitualmente galegofalantes, cando se lles tocou a febra máis sensible abandoaron a lingua do berce pola outra, e no fragor da batalla cruzaron armas en castelán, algo pouco habitual nos seus beizos. O cambio de rexistro segue a darse igualmente noutros ámbitos. Así, son poucos os que chegan ao médico e empregan o galego. Semella que ao traspasar as portas da institución cae sobre o visitante unha certa sensación de temor que lle fai sacar a lingua dos Tercios de Flandes que, como no caso anterior, semella unha mellor arma defensiva para quen así o escolle. E o mesmo sucede nos xuízos. Son moi poucos os autos e sentencias nas que o galego é o vehículo de comunicación. Semella que a lingua de aquí é máis doce e agarimosa, e que para os cabreos, para os medos e para os tratos económicos prefírese o castelán. Para operarse de cataratas, denunciar o veciño ou pedir unha hipoteca prefírese o castelán. Para o amor e a amizade, o galego.