MEMORIAS RIOPRATENSES | O |
15 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.QUE OS vellos galeguistas fundadores do Patronato da Cultura Galega de Montevideo reciban o recoñecemento da Xunta de Galicia é un acto de xustiza. A sinatura da conselleira de Cultura simboliza a amortización dunha antiga débeda que coido agora está en proceso de amortización. Sei de boa tinta -porque o tratei moito sendo o seu secretario durante a súa presidencia no Patronato- que o bergantiñán Marcelino Martínez Gómez sorrí satisfeito. Comenta cos seus amigos Canabal, Crestar, Meilán e Pereira que agora na Xunta de Galicia as cousas melloraron moito porque a conselleira de Cultura ten os anos da súa neta. Don Marcelino láiase de que ninguén lle dixese a dona Ánxela que aquel bar da principal avenida montevideana chamado Castrobó foi o seu primeiro comercio propio e que lembra a aldea nadal de Coristanco. Asegura convencido de que a visita montevideana da conselleira foi moi positiva e comprende que tivo unha axenda moi axustada pero insiste en que pasar por diante no seu bar sería cousa de cinco minutos. Os pioneiros fundadores do Patronato comezaron unha singradura contra a corrente dominante que non era outra que andar detrás das esmoliñas oficiais que se repartían desde o consulado español. Ata hai ben poucos anos eran desprezados por separatistas. O convenio asinado creará a primeira Biblioteca Pública Galega na Emigración (que se chama Xosé Cancela Freixo en homenaxe ao primeiro presidente do Patronato, un médico de recoñecido prestixio) e servirá de liña de referencia para futuras actuacións. Antes os cartos ían para un xantar ou unha cea e as axudas e subvencións non tiñan en consideración aos que máis se esforzaban porque evidentemente non é o mesmo organizar actos nunha entidade con 500 asociados que noutra que ten 5000. A unidade aínda é unha materia pendente en Montevideo e non abonda cos pasos que se deron. Penso que desde este mes de outubro temos posto un alicerce no Rio da Prata -unha boa biblioteca especializada- sobre do cal comezar a reflexionar. Lembro os anos nos que tódalas noites, de luns a venres, o bibliotecario Xoaquín Rosende ía ao Patronato para catalogar os fondos bibliográficos que se almacenaban no soto en caixas. Despois da súa xornada laboral en I.P.U.S.A. ía recheando ficha tras ficha da súa querida biblioteca. O compañeiro Xoaquín morreu sen rematar coa catalogación. Penso e pido que na biblioteca do novo edificio social que se inaugurará no 2007 e no que a Deputación Provincial da Coruña colabora haberá que buscarlle un oco para recordar a un coruñés bo e xeneroso.