Cambios

A. MARTÍNEZ

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

10 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

MOITAS VECES temos a impresión de que nada cambia ao noso redor. É unha sensación que temos con respecto aos lugares que frecuentamos ou ás persoas ás que vemos a diario. Pero cando pasan meses ou anos entre unha visita e outra é como se o tempo pasase de golpe, como cando nos reencontramos con aquela amiga da infancia convertida xa en nai de familia ou con unha aldea que visitamos de pequenos transformada en macrocentro de turismo rural. Sen poñernos tan radicais, seguro que a máis de un de vostedes lles pasou que despois dalgún tempo sen ir á Coruña ou de utilizar a autoestrada, un día que teñen tempo deciden ir pola AC-552 e descobren un cento de vivendas novas en calquera dos núcleos de poboación polos que atravesa a nosa comarcal, unha urbanización de chalés ou unha nova superficie comercial máis ou menos grande. As cousas, realmente, si que están a cambiar. Tamén na Costa da Morte. Desde o punto de vista urbanístico, parece que canto máis restritiva é a lei máis aberracións se cometen. Quizais sexa porque nin os decretos das Administracións nin as sentenzas xudiciais parecen ser suficientes para restablecer a legalidade na maior parte dos casos. Desde o punto de vista medioambiental, porque, aínda que pareza colisionar frontalmente co desastre inmobiliario, tamén se están a facer cousas interesantes, novos sendeiros polas beiras dos ríos e do mar moito máis respectuosos -na maioría dos casos- dos que se fixeron en décadas pasadas. Ou desde o punto de vista cultural, porque agora asistir a unha representación teatral de primeira liña, a un espectáculo de danza ou a un gran concerto xa non é unha utopía. Pero aínda queda moito que cambiar, en todo o anterior e tamén nas infraestruturas, no emprego, no turismo, na sanidade... E cando todo iso mellore, aínda quedará máis.