ARA SOLIS | O |
09 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.OS PENEDOS de Vimianzo teñen unha sombra recurtada no meu maxín. Sempre lonxana, entre herbas escasas nas que as eguas do meu avó pastaban, pasando o día entre o seu galopar coxo, coas patas atrancadas por unha corda. Poucas veces puiden evitar mirar, e como todos, agrupar figuras, buscar semellanzas. Nubes de granito, Moles de guerreiros de antano. Sonche pedras, nin máis, nin menos. Non se comen, non serven para vivir delas, e un non se pode namorar, ou polo menos, non debe. Agora está aberto o debate: gardar as formacións líticas, protoesculturas da imaxinación, como un elemento indisensable da paisaxe, ou aplicarlle o principio de transformación industrial, e facer unha canteira, que material sobra. Non é fácil a resposta, porque o traballo non é que sobre, e trátase dunha industria das que tanto gustan por estes lares, pouco dados ás sofisticacións especulativas, e máis dado á especulacións sólidas, contantes e hipotecables. Nada máis corpóreo, sólido e previsible que unha canteira. Por outro lado, entrar con barrenos entre a Cachucha e a Pena Forcada ten un aquel sacrílego bastante importante. Como entrar a tiros no Museo Vaticano, e facerlle blanco a algunha peza de Bernini. Sen vontade de comparar, porque non hai lugar para facelo, si que entran dúbidas sobre a capacidade de avanzar, e os sacrificios que empuxan a decidir entre formacións xeolóxicas, restos históricos e posiblemente prehistóricos e o traballo. Cando na Roma barroca, a da Contrarreforma, ían á guerra e axustaban ás contas aos herexes, o resultado era unha obra de arte. Inmortalizarse para subsistir, e que ninguén esquecese que o pracer de contemplar unha pintura, ou o repouso dunha nova igrexa debíase ao sacrificio. Hoxe, aquí, hai que sacrificar ao pracer, desmemoriarse por poder vivir. Sobrevivir.