Santa Inés volveu á igrexa de Laxe

La Voz M. V. | CARBALLO

CARBALLO

Crónica | Riqueza relixiosa

07 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?s fregueses da igrexa de Santa María da Atalaia de Laxe levaban catro meses sen ver a santa Inés, considerada pola igrexa como patroa da pureza. A razón da súa ausencia, da que só se decataron os máis fieis, debeuse a unha viaxe moi especial na que representou a riqueza artística da imaxes da Costa da Morte. A figura, de estilo gótico, estivo durante este tempo participando nunha exposición organizada pola Consellería de Cultura que puido verse na catedral lucense. E xa está de volta. Chegou a finais da semana pasada e foi recibida polo párroco, Enrique Redondo, o encargado de que todo estea en orden na igrexa de Laxe. Segundo conta o historiador Xosé María Lema Suárez no seu estudio A arte relixiosa na Terra de Soneira , a santa Inés de Laxe foi doada ao templo laxense por Inés de Moscoso, a irmá maior de Urraca de Moscoso e a nai do primeiro conde de Altamira. A figura, que data de finais do século XV, representa a unha rapaza moi nova que ten aos seus pés a figura dun animal, que non se sabe moi ben se é un año ou un león, aínda que esta fera non ten relación ningunha coa historia e a lenda da santa, que foi martirizada cando só tiña 13 anos porque non quixo casar co fillo do alcalde de Roma. Cada 21 de xaneiro, día de santa Inés, hai moitos lugares onde se bendicen os años con cuxa la se fan os palios, de aí que o máis probable é que o que lle acompaña sexa unha ovella.?