As mans da ignorancia

MANUEL SUÁREZ SUÁREZ

CARBALLO

JOSÉ MANUELC ASAL

O PATRIMONIO AMEAZADO | O |

02 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A VELLA dona Pedra da Arca mira para o camiño e sorrí feliz porque veñen de visita un grupiño de mozos. A leira na que é residente desde hai máis de 5,000 anos é propiedade de Andrés Alvite Carreira, un home que sempre a tratou con respecto e admiración. Hai uns días Andrés cortou a herba para que pasasen sen dificultade os participantes do Simposio Internacional que organizou o Seminario de Estudos Comarcais que ten a súa sede en Vimianzo. Ao seu redor estiveron o 7 de xullo unhas 150 persoas que comentaban por aquí e por acolá que aínda estaba bastante rufa despois de tantas tempestades. Oíu os fermosos eloxios do bergantián Antón e do vallisoletano Germán e case que lle veñen as cores á tampa de cubrición. Despois que marcharon, dona Pedra da Arca quedou matinando en que despois da visita dos Leisner quizais fose a do 7 de xullo a máis emotiva porque agora si parece que a queren protexer e que vai ter unha casiña propia dentro do Parque do Megalitismo da Costa da Morte. O da casiña pensao polo futuro das novas xeracións porque ela ten riqueza abonda con amosarse fachendosa alí chantada a cabalo de Dumbría e Vimianzo. Por iso sorrí cando o domingo 23 albisca ao lonxe que veñen uns mozos. Pensa que a visita é o resultado da promoción que lle fixo a prensa no Simposio Internacional e queda muda cando oe que os mozos falan de que non entenden o que algún poden ver nunhas pedras. Un deles di que son estorbo e un atraso porque sen elas as leiras serían máis chans e por tanto máis rendibles. Outro que parecía o teórico da operación afirma que teñen que fundar un Comité Anti-Antas e que axiña medraría en asociados porque hai moita mocidade que pensa coma eles. Outro que non falou nada dixo que podían comezar a deixar pegada da fundación simbólico do Comité cunha boa malleira contra destas estúpidas pedras. Todos de acordo. Collen uns pedrolos e comezan a petar pola tampa para deixar o seu sinal no corpo de dona Pedra da Arca. A nosa amiga non chorou porque aqueles delicuentes non merecen unha soa bágoa súa. O que lle doe é a ignorancia que aínda se estende no seo de moitas familias da Costa da Morte porque aqueles mozos se tivesen uns avós ou uns pais que lle fixesen quererse un pouquiño entón tamén serían uns namorados do seu contorno. Lamentablemente ninguén lles dixo que dona Pedra da Arca é tamén da súa familia e que por tanto ten alma e sentimentos coma calquera de nós.