O fútbol

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

21 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A PAIXÓN polo fútbol é coma un comechón que revoluciona o estado de ánimo dos afeccionados. Estes días non se fala doutra cousa. Que si a falta que pitou o árbitro non era, que se o tiro do dianteiro centro foi frouxo e o balón chegou manso ás mans do porteiro, que se o contrario se pechou na área e xa non intentou máis ataques. E así todos estes días. Un entra no bar e o primeiro que lle preguntan é o resultado da próxima cita futbolística. A delegada da Consellería de Cultura, a carballesa Milagros Lantes, seica dixo o outro día na cea de presentación do Torneo Internacional de Carballo que o balompé é coma a metáfora da vida, onde en hora e media asistimos á apoteose do éxito e o fracaso. E hai que estar de acordo con ela en que a gloria da vitoria acompañará sempre ao vencedor, mentres que a derrota é unha eiva que queda para sempre no arquivo vital, ese que un leva no subconsciente individual e colectivo, do perdedor. Gañar é ben bonito. O goleador corre o campo cos brazos abertos á espera da aperta dos compañeiros. Non hai máis que ver como se celebran os tantos cando son a favor. Os que os reciben na súa portería quedan coa cabeza baixa ou mirando ao ceo buscando unha explicación a tanta desgraza. Ás veces un ten mágoa do derrotado. Todo un pobo está pendiente estes días do vindeiro partido, desa cita máxica co contrario. A fin de semana perdería maxia se non fose polo partido. Cada encontro de fútbol é o máis importante da vida. Logo virán outros, incluso outro campionato, pero o próximo choque é o trascendental. O que vale de verdade. Por iso o vindeiro domingo hai que estar no estadio do San Andrés de Zas para disfrutar desa final da Copa da Costa, un partido que non ten comparanza con ningún outro. E non teñan pena se non o poden ver en Canal+ ou na Sexta, porque a Televisión de Cerceda ha de dalo en diferido.