ARA SOLIS | O |
17 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.ÁS VECES pregúntome onde se mete a xente. O martes pola noite, véspera de festivo, supoñíase que podía haber certo ambiente pola rúa da Estrela de Carballo, sobre todo pola agradable temperatura que invitaba a pasear. Pero non. Como se fose unha réplica de calquera sábado do ano, agás algunhas pandillas habituais de determinados locais, nin os carballeses nin os veciños doutras vilas da volta se animaron a darlle un pouco de vida á movida, que non lle viría nada mal. Así que, se non hai marcha nocturna, o lóxico sería que a animación se trasladase á mañá seguinte. Un mércores festivo, que tanto presta polo medio da semana, e que por riba comezou soleado, parecía o día perfecto para que os veciños tomasen as rúas dispostos a disfrutar da xornada. Pero tampouco. De non ser pola coincidencia do maratón de lectura e do concurso de pintura na praza do Concello, Carballo volvería a semellar unha cidade pantasma. O problema, ben é certo, non é exclusivo da capital de Bergantiños. Desolador era o panorama que ofrecía a media mañá a vila de Ponteceso, e iso que o seu fillo máis ilustre, o poeta Eduardo Pondal, recibía ás once unha homenaxe que se agardaba fose popular. Ao final, como ocorre na maior parte deste tipo de actos, estaba quen realmente quixo estar. E non creo que fose todo culpa do forte vento que sopraba na praza do Recheo. Claro que hai factores que inflúen, e cada vez parece máis evidente que os actos culturais, se non veñen acompañados de espectáculo ou avalados por caras coñecidas, non son quen de atraer a unha poboación pouco interesada en homenaxear a Pondal ou a López Abente, polo que se deduce da escasa asistencia ás dúas ofrendas florais. Pero os que traballan na cultura, como os que o fan na hostelería, din que todo isto é cousa de rachas, e que a xente volverá a coller o rumbo.