ARA SOLIS | O |
13 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.DIN OS rumorosos nestas costas verdecentes que hoxe principian os actos da semana das Letras Galegas; este ano dedicada ao escritor Manuel Lugrís Freire, o primeiro autor teatral galego en prosa (do que algúns coñeciamos máis a obra pictórica do seu fillo Urbano que a de el). Agora saberemos un pouco máis. Sen medo a caer nun lugar común isto de dedicar un día, ou unha semana, a conmemorar unha efeméride non me parece a forma máis axeitada de darlle a relevancia que se merece a algo tan importante como é a nosa lingua. Oxalá todos os días fosen o día da lingua galega pero lembralo, aínda que sexa unha vez ao ano, pode que serva para que algunhas persoas se decaten estes días de que Galicia ten unha lingua propia, sen menosprezo do castelá nin do bilingüismo harmónico que se inventara fai anos o meu colega Manuel Regueiro Tenreiro. Na nosa pondaliana bisbarra, confín dos verdes castros, -mentres non edifiquen uns chalés por riba deles ou alguén arrample coas pedras para facer un valado, que non sería a primeira vez- os actos principian esta tarde no auditorio de Cabana de Bergantiños coa celebración do Día da Muiñeira, este ano dedicado ás corais polifónicas, seguro que para salientar a importancia das cantigas galegas como vehículo de fixación da linguaxe. Alí poderemos escoitar a tres das corais folclóricas mais representativas da nosa terra. Esta tarde servirá para gozar coas nosas letras feitas música e seguro que ao remate cantaremos o himno galego. Espero que non pase coma nun concerto ao que asistín fai anos onde, ao final da actuación, o director virouse cara ao público e dixo textualmente acompañándose ritmicamente con palmadas no peito: «A-ho-ra va-mos a can-tar el him-no de Ga-li-ci-a, pe-ro lo va-mos a can-tar no-so-tros». E o auditorio enmudeceu...e escoitou. Eran outros tempos.