ARA SOLIS | O |
27 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A PRIMAVERA é unha época máxica que transforma de xeito radical o gris inverno da Costa da Morte. As leiras xa non están desertas. Invádenas centos de tractores, sachadoras, plantadoras... e, sobre todo, invádenas centos de mans humanas que empezan a preparar os silos ou a próxima colleita de patacas. A primavera chega tamén ás rúas máis urbanas, con escaparates que desprenden a luz de todas as tonalidades da moda de tempada, coas primeiras mangas cortas que locen os máis ousados nas horas centrais do día e coa avalancha de paseantes nocturnos que aproveitan o aumento -aínda leve- das temperaturas para intentar rebaixar algún dos quilos que deixou o inverno. A primavera nótase nas praias, venteadas estes días polo nordés; nas árbores que recuperan as súas follas, nas flores que brotan nos xardíns... e tamén no mundo animal. Onte, sen ir máis lonxe, nun breve traxecto pola zona costeira de Carballo saíron ao noso paso un precioso exemplar de esquío, case negro, e unha lebre que acabou por agocharse nunha finca do Pinar, ao lado da Pedra do Sal e do polémico Monte das Saíñas. A poucos metros do coello, unha excavadora seguía extraendo area da lagoa de Baldaio, como o leva facendo desde fai xa varias semanas sempre que as mareas o permiten, e un pouco máis alá, outro grupo de traballadores facía acopio deses troncos de madeira cos que a Demarcación de Costas está deixando a súa pegada non só nas praias do municipio carballés, senón tamén na costa de Camariñas ou na de Corme. A primavera xa chegou, está claro, aínda que non sexa para quedar. Ela, como os que traballan na terra, os que mercan ou venden roupa, como as árbores e os animais e como as praias, estase preparando para o relevo cara outra nova estación, que agora parece tan lonxana, pero que cando nos deamos conta tamén pasará de longo.