A Costa da Morte é de todos

CARLOS AYMERICH E MANUEL ANTELO

CARBALLO

TRIBUNA ABERTA | O |

31 mar 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A COSTA da Morte é patrimonio de todos e, principalmente, dos seus homes e das súas mulleres. Que teñen dereito a vivir e traballar con dignidade na súa terra, accedendo a todos os servizos e infraestruturas propios dun país moderno. E que teñen dereito tamén a que o seu contorno natural sexa protexido e non espoliado ou privatizado en beneficio duns poucos. Estes son -traballo, benestar, protección do patrimonio natural e cultural- os eixos da actuación política do BNG nesta comarca. E, por extensión, os que guían o traballo da nova Xunta de Galicia, segundo se establece no Pacto de Goberno. Por iso, cando desde o BNG presentamos no Parlamento de Galicia a iniciativa para declarar Monumento Natural aos Penedos de Traba (Laxe), Pasarela e Braño (Vimianzo), fixémolo co ánimo de promover esta nova política que conxuga desenvolvimento económico e protección ambiental. Así o entenderon os demais grupos parlamentares e, en consecuencia, votaron unanimemente a nosa iniciativa. Alí, no Parlamento, PSOE e PP compartiron connosco que a protección dos espazos naturais sensibles da Costa da Morte, ademais dun fin en si mesma, debe servir para poñer en práctica unha nova política económica que beneficie, principalmente, aos veciños e as veciñas desta comarca. Neste senso, á mellora dos usos tradicionais forestais, silvícolas, agrícolas e gandeiros haille que unir a incorporación do noso patrimonio ao catálogo de recursos ambientais, patrimoniais, culturais e turísticos. E mais tamén a gasificación das nosas comarcas, a cualidade na subministración eléctrica, a creación de recursos públicos de atención á infancia e á xente maior, a dotación de solo industrial... ámbitos todos eles nos que o BNG xa está a traballar desde o Goberno galego. A vella política Mais o alcalde de Vimianzo anda a outras cousas. Alí onde esta nova política debería encontrar un aliado, o señor Rodríguez convírtese nun dos máis teimudos representantes da vella política. Ao ponto de non lle importar contradicir ao seu partido e de se erixir en defensor de todos os alcaldes do PP da comarca. Por algo será. Quizais por compartir con eles a idea de que á política hai que ir a servirse un e non a servir aos demais. Quizais porque comparte con eles a idea de que os políticos e as súas familias deben enriquecerse a toda custa e que, o que é de todos, debe ser obxecto de apropiación privada en beneficio duns poucos. Daí o seu desmesurado interese en favorecer a implantación dunha canteira xunto á Pedra da Barca, no meio dos penedos que o Parlamento galego acordou protexer. Na súa atitude, impropia dun representante público, hai algo de ignorancia mais, sobre todo, hai moito de cobiza. E tamén, como non, de falta de vergoña. Así, por exemplo, cando crea polémicas artificiosas para desviar a atención da súa responsabilidade na situación de deterioro económico en que se atopa Vimianzo que, desde que el é alcalde, perdeu máis do 12% da súa poboación e, con ela, a posición de liderado comarcal que por situación, historia e vocación lle corresponde. Ou tamén cando, con infundios e acusacións falsas, tenta agachar a adxudicación á empresa do seu irmán da construción da Casa da Cultura, a obra de maior cuantía licitada, ata o de agora, por un concello da Costa da Morte. O señor Rodríguez Lema ten moito que explicar e moito do que dar conta. Mais quizais bastaría con que se sacase do medio. Que se botase fóra e deixara de estorbar aos que traballamos, de verdade, polo emprego e polo desenvolvemento económico de Vimianzo e da Costa da Morte. E que con el marchen tamén as vellas políticas. Fronte á opacidade e ao secretismo está a transparencia do Goberno da Xunta e, en particular, do BNG. Fronte á prevalencia dos intereses particulares está o compromiso inequívoco co interese público. Fronte a vellas políticas responsables do atraso e da emigración están as novas políticas de diversificación económica, de aposta pola innovación e a sustentabilidade, e de fomento de iniciativas que fixen poboación no rural. Un País novo ha de vir, tamén en Vimianzo.