Os Penedos de Traba, Pasarela e Piñeo

XAN X. FERNÁNDEZ CARRERA

CARBALLO

O PATRIMONIO AMENAZADO | O |

07 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

CANDO SUBÍN aos Penedos de Traba por primeira vez, alá a finais da década dos anos setenta, fíxeno monte a través, partindo da estrada que desde Recesindes (Carantoña), se dirixe a Laxe. Era unha subida difícil e moi costenta, pero as ansias de chegar ao alto da Moa superaban todo o esforzo realizado. Aquel era un lugar cheo de maxia polas historias e lendas que me contaran os veciños de Traba. Cando alcancei a cima do monte comprendín as razóns de todo o que se contaba sobre el. O poder de dominio visual que se acada desde aquí sobre todo o val de Traba, difícilmente resulta imaxinable para calquera que nunca subira. A situación estratéxica deste cume e a súa inexpugnabilidade, confírelle idoneidade para ubicar unha fortaleza. O feito de que se denomine Torre da Moa, xunto coa abundancia de restos de tella de orixe medieval que se atopa no seu arredor, sobre todo na cova da Capela dos Mouros, dan base para afirmar a existencia dalgún tipo de fortaleza medieval, quizais situada na plataforma ou chanceira que se sitúa na parte leste. Neste mesmo cume, o historiador Antón Rodríguez Casal sitúa un recinto castrexo, aínda que tamén recoñece a existencia de restos medievais. A riqueza lendaria deste cume fala da presenza de mouros, ou da existencia dun túnel que desde este monte chega á igrexa parroquial. No verán do ano 2000, o Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB), en colaboración co Concello de Laxe, publicou un caderno sobre a parroquia de Traba e realizamos un roteiro pola mesma que incluía a subida á Moa. Os numerosos excursionistas que nos acompañaban quedaron impresionados deste monte, tanto polas vistas que se gozan desde el, coma polas curiosas formas dos xigantescos penedos que configuran este petón granítico. Descubrimento Os penedos de Braño ou do Piñeo coñecinos máis tardiamente. Foi o amigo Roberto Mouzo, de Vimianzo, o que me descubriu esta encantadora ruta que che deixa abraiado cando avistas a paisaxe costeira da praia de Traba ou a costa de Camelle. Un día de verán, acompañados por un veciño do Campo da Milleira, fixemos este roteiro, ademais dos nomes dos penedos, das chairas e das vagoadas, relatábanos as súas vivencias de rapaz por este monte cando viña para aquí co gando, tamén nos contou algunhas historias coma a da pedra da Cruz de Rosiña. Volvín varias veces con amigos a facer este itinerario e no ano 2004, de novo co IEB, organizamos un roteiro por esta mesma paraxe, que foi todo un éxito. Os penedos de Pasarela xa os coñezo desde hai tempo, pero quizais fose os que menos visitei. A sona xa lla deu Eduardo Pondal cando lle dedicou un dos seus breves poemas, pero foi no ano 1997, cando realmente se deron a coñecer pola triste noticia de querer abrir un carteira no lugar da Gándara da Barca, onde se sitúan os seus penedos máis emblemáticos. De saír adiante aquela explotación, hoxe un dos máis grandes valores naturais da Costa da Morte estaría seriamente ameazado e con el, un dos recursos turísticos de maior atracción. Rutas turísticas As moitas veces que levo percorrido estas fermosas paraxes, sempre aparece o mesmo comentario entre os camiñantes de por que estes espazos tan emblemáticos non teñen ningún tipo de protección, e de como os concellos nos que están ubicados non nos ofertan como rutas turísticas, xa que non supón case ningún gasto a súa posta en valor, se acaso, poñer algunhas sinais indicativas e publicar algún folleto. Calquera destes espazos dos que estou a falar son verdadeiras cidades encantadas, ás que tan só lle falta dálas a coñecer. Cando estes días lin a noticia de que se vai levar ao Parlamento de Galicia a declaración de Monumento Natural para estes penedos, leveime unha grande alegría, xa que por fin comeza a protexerse algo único como é esta paisaxe e actúase en concordancia co que dende hai anos vimos dicindo de que se os verdadeiros recursos turísticos da Costa da Morte son os seus espazos naturais e os seus restos históricos, isto sería o primeiro que deberiamos protexer.