ARA SOLIS | O |
21 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O BAZAR chinés estaba onte e máis antonte na costa. Nas praias, a xente seguía a xuntar bolsos e galletas coma quen colle berberechos ou ameixas para facer un arroz. O noso mar é unha regalía. Dá de todo, dende bos percebes, ata lubrigantes ou lubinas e incluso produtos orientais que chegaron aos areais grazas a un temporal. Un amigo meu andaba onte moi preocupado. O luns pola tarde foi a Leira e, como viu que todo o mundo levaba aparatos informáticos, marchou cunha impresora nova do trinque debaixo do brazo. Procedía do gran contedor que varou nas rochas do paraxe carballés. Cando marchaba pensou que levaba unha xoia pola cara. Coidaba que aforrara 150 euros para dotar ao seu ordenador dun novo complemento que lle facía moita falta. O que ten non anda moi católico. Mágoa, porque ao chegar ao seu estudo doméstico e ao intentar formatear a nova adquisición -neste caso absolutamente gratuíta- non houbo maneira. O inxeño electrónico nen sequera prendeu a luciña verde, e sorte que non lle provocou un cortocircuíto na casa. O fracaso deixoulle cara de apampado porque, ademais, a muller rifoulle, primeiro, logo rírase del. Tivera que andar por riba dos cons, sortear algunha onda e facer o esforzo de entrar no depósito caído dalgún barco, e agora nada. Tantas enerxías queimadas para non saber que facer coa flamante e inútil impresora Samsung. A última hora da tarde andaba co trevello no maleteiro do coche. Mentres vía como o Madrid perdía diante do Arsenal, preguntoulle a un amigo que podía facer. «O mellor é que a traias mañá -por hoxe- á feira e igual consigues colocala por catro euros», díxolle o interrogado. A proposta foi rexeitada polo respectable que estaba no bar, pero ao noso amigo quedáralle un pesar grande no corpo. Os presentes mofábanse e ao ir para casa ía pensando en ir Leira para devolvela.