ARA SOLIS | O |
17 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.CUANDO RABAD chegou por primeira vez á Costa da Morte tiña oito anos e nin sequera coñecía os nosos idiomas. Xa pasaron catro veráns dende entón. O pasado agosto falaba o galego e o castelán coma se nada. Sabía dos nosos costumes e ata dos vicios dalgúns dos veciños. É morena e de ollos moi vivos, de pillabana. Vina nunha festa e saltiricaba leda coas súas amigas coma se as coñecese de toda a vida. Cando chegou nunca vira unha billa de auga nin sabía que cada quen adoita comer no seu prato, bañarse era unha novidade e durmir nunha cama, un hábito estraño ao que lle custou adaptarse. Algúns días aparecía durmindo no chan do sobrado enriba da alfombra. Logo empezou a xogar cos outros nenos e a súa risa contaxiosa abreulle as portas da rapazada da vila. Cando non tiña compaña pasaba moito tempo coas mans na auga, o seu enredo preferido. Era quen mirar horas enteiras para unha billa aberta. Non podía explicar que nalgunhas prazas houbese fontes botando auga sen parar, una fartura, un luxo ou un estrago. Lavaba panos e pratos coma quen goza dun pracer inmenso. Na praia, non daba saído do mar e nada coma unha serea. Antes de chegar ao noso Fisterra só tiña unha comida ao día. Custáballe acostumarse a tres: almorzo, xantar e cea, un soño para o que non tiña estómago. Tanta abundancia resultáballe nova, coma un milagre. Pouco a pouco íalle facendo sitio aos manxares. Agora é coma da familia, coa que fala todos os meses dende os campamentos de refuxiados do Sáhara, aos que cada mes de setembro quería volver. A morriña non lle deixaba disfrutar de tantas ditas materiais. Días atras, unhas treboadas arrasaron as súas vivendas no deserto. Son xente afeita a case nada, pero quedaron sen o pouco que tiñan. Non quero imaxinar que Rabad se quede sen a única comida do día porque me doería o corazón.