ARA SOLIS | O |
16 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.ESTA NOITE houbo unha boa treboada, desas que van acompañadas de aparato eléctrico, ou, o que é o mesmo, de lóstregos que cegan a un e que poñen os pelos de punta. O chispazo sobrecolle, anque hai quen lle da máis medo o trono, que, como se saberá, é inofensivo. Non entanto, son da opinión de que, co tempo, a xente vaille perdendo medo ás tormentas. As xeracións máis vellas tíñanlle auténtico pavor. Encendían candeas e as mulleres de máis idade poñíanse a rezar polos cornechos. Aínda agora hai quen o fai e non lle chega un rosario enteiro. O medo non o venden por ferrados nin por peso no mercado dominical e cada un ten o que lle cadra, que non é cousa de voluntade. Mesmo hai cadeliños que cando oen tronar métense entre as pernas do seu dono. Aínda así, coas fiestras aillantes xa non é o mesmo. Un ponse no salón a ver Buenafuente ou ao Loco da Colina e non se decata do que pasa na rúa. Non hai moito que un veciño estaba escanchando coa risa cunha persecución policial -os autos do FBI sufrían mil percances, mentres que o do protagonista seguía correndo coma unha frecha- e na estrada que pasa por diante da súa vivenda esmagánrolle o coche que tiña aparcado. Un de Laxe que cargara o auto de cubalibres non fora quen de dar unha curva con xeito e levou por diante tres ou catro vehículos. As modernas construcións aíllannos do vento, do frío, da choiva e das treboadas. As grandes calaminadades vémolas pola televisión e logo mandámoslle uns euros para a ong de turno e tan panchos. Nin sequera nos laiamos cando un lóstrego mata unha corte de gando, como lle pasou a un soneirán non hai moito. Como as reses teñen seguro ninguén sinte mágoa. Nin sequera nos doemos dos aminaliños. ¡Canto cambiaron as cousas de cando as vacas tiñan nome propio!